ALCALDÍA

Entregados os premios do IV Festival Internacional de Cinema Rural "Carlos Velo"

15/12/2017 O Salón Nobre do Concello acolleu este mediodía a entrega de premios do IV Festival Internacional de Cinema Rural de Galicia "Carlos Velo". Os tres filmes gañadores foron:El color de la sed, de Gala Gracia, como mellor curtametraxe de ficción; Asturias patria dolida, de Arantza Rojas, como mellor documental, e Os froitos do tempo, de Matthieu Boivineau, que levou o premio do público.

O director Óliver Laxe, deu lectura á acta do xurado do que formou parte xunto con Dolores Ben, Mónica Vázquez, Manuel Vilariño, Juan Manuel García e Manolo González. Eles decidiron que El color de la sed era a mellor curta de ficción desta edición. A autora agradeceu o premio concedido mediante unha mensaxe gravada. O premio foi recollido por Plácido Romero de mans do concelleiro Xan Duro.

Do mesmo xeito deu grazas polo galardón o director francés Matthieu Boiveneau, gañador do premio do público polo seu filme Os froitos do tempo. Inés Vázquez, codirectora do Festival, entregou a estatuíña a Esteban Iglesias, director do NH Grupo.

Finalmente, Arantza Rojas recolleu de mans do alcalde, Martiño Noriega, o premio ao mellor documental polo seu filme Asturias patria dolida. Agradeceu a entrega deste premio a un traballo que "non tivo subvencións nin axudas de ningunha clase, todo foi feito polo amor á arte e nunca mellor dito, e pido un pouco para curtametraxistas e guionistas".

Os diferentes segmentos da entrega dos premios foron introducidos polo codirector do Festival, Aser Álvarez, con lecturas de Memoria dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas, acompañado pola guitarra e a voz de Alba María.

No acto tamén se proxectou o documental Fronteiras de enerxía animal de Plácido Romero, unha viaxe etnográfica por terras do Norte de Portugal e do sur de Galicia, para coñecer os usos e importancia que tiveron os animais no desenvolvemento económico e social das áreas da Raia Seca. Nesta peza de 20 minutos, puidéronse ver fragmentos do documentario O carro e o home, de Antonio Román e guión de Xaquín Lorenzo.

Tras a intervención dos directores do festival, Inés Vázquez e Aser Álvarez, pechou o acto o alcalde, quen indicou que "Compostela é a capital do país, pero tamén é un dos concellos máis rurais que existen, cun número de parroquias e lugares". Neste sentido, apuntou que "ao mellor hai puntos pendentes para compatibilizar a cidade co rural" dunha Compostela que "ten unha identidade rural moi marcada".

Compartir: