MOCIDADE

O alumnado do Raíña Fabiola aprende sobre tenza responsable de animais nunha actividade dos orzamentos participativos

15/12/2017 A concelleira de Mocidade e Benestar Animal, Noa Morales, asistiu esta mañá a unha sesión das aulas de educación canina que imparte a asociación "Só lles falta falar" co gallo dos orzamentos participativos de Mocidade. Esta foi unha das actividades máis apoiadas no proceso de votación do 2017, con 281 puntos. Ten un custo de 15.000 euros.

Esta actividade xa se desenvolveu durante o pasado mes de novembro e as primeiras semanas de decembro nos centros Rodríguez Xixirei e Ramón Cabanillas. No vindeiro mes de xaneiro pasará tamén por Cluny e polo Centro Sociocultural do Castiñeiriño. Nestas visitas, os nenos e nenas aprenden sobre tenza responsable de animais de compañía e tamén como mellorar a convivencia e a educación dos propietarios e propietarias e os cans.

A concelleira de Mocidade destacou que "esta actividade resulta ademais moi acaída nas datas nas que estamos, onde é habitual agasallar con animais". O que se busca é ensinarlle aos máis pequenos e pequenas que ter un animal supón unha responsabilidade e uns coidados. Por iso, outra das cuestións que se propoñen é que "aquelas persoas ás que lle gustan os animais pero non se poden facer cargo a tempo completo, teñen diversas formas de colaborar, a través do refuxio de Bando ou doutras asociacións". Noa Morales animou a "apadriñar ou amadriñar animais, o que melloraría moito as súas vidas".

Ademais destas visitas a centros educativos, a actividade inclúe aulas de adestramento canino mensuais no Parque Eugenio Granell e tamén charlas de concienciación en varios parques da cidade.

Só lles falta falar
"Só lles falta falar" é un club de cans de familia cuxa finalidade é, mediante a educación e o respecto polos demais, a integración das mascotas na sociedade. Modelos como o disco verde, bos veciños ou o good citizens están a funcionar en países tanto dentro de Europa como fóra e veñen demostrando que outro modelo de convivencia é posible.

Compartir: