ALCALDÍA

O Goberno mantén o obxectivo de municipalizar a ORA e o guindastre

01/12/2017 O alcalde reiterou hoxe a intención do Goberno de municipalizar os servizos de ORA e guindastre "unha vez que quedou constatado que a empresa Doal non ten interese en asumir o contrato, senón que unicamente está pelexando por unha suposta indemnización por non terlle sido adxudicado o servizo no ano 2012". Martiño Noriega anunciou ademais que "o Concello recorrerá a sentenza do TSXG que contempla o pago desa indemnización, "porque entendemos que é contraditoria con anteriores decisións xudiciais ao respecto da ORA e o guindastre".

O alcalde incidiu en que o escrito presentado por Doal "demostra que non quere prestar o servizo, se ben ten que ser a mesa de contratación a que o determine". A partir de aí, "o Goberno seguirá dando os pasos necesarios para culminar o proceso de municipalización, resolvendo as alegacións presentadas tras a aprobación inicial do expediente, e convocando o Pleno para a aprobación definitiva".

O Goberno recorrerá o pago da indemnización
O alcalde explicou que a sentenza relativa á indemnización sinala "que non ten sentido que agora se lle adxudique o servizo a Doal, porque o contrato está xa rematado, mentres que anteriores decisións xudiciais, tamén cando o contrato estaba rematado, apuntaban ao contrario". Ademais, salientou que "nin sequera está claro cal sería a contía desa subvención, porque existen diferentes interpretacións xurídicas".

Noriega advertiu que "este vai ser un proceso cun longo percorrido xudicial, e o Goberno está convencido de que non hai lugar para o pago desa indemnización". Segundo dixo, "trátase dun convencemento xurídico e non político, porque o que se pon en cuestión é unha licitación impulsada e pechada por gobernos anteriores e de diferentes cores".

Compartir: