ACCIÓN CULTURAL

Berio Molina gaña o Décimo Premio Auditorio de Galicia para Novos Artistas

27/11/2017 Na súa décima edición, o Premio Auditorio de Galicia para Novos artistas recoñece o labor do creador sonoro Berio Molina (A Fonsagrada, 1979). Escapes, a peza que o fixo merecedor do primeiro premio do certame, é unha instalación sonora que explora, segundo o autor, "a capacidade dos obxectos de fuxiren das determinacións ordinarias e que procura desbloquear e desocultar relacións tópicas nas que operan sempre os poderes do cotián, ou do normativo, ou do normalizado", en palabras de Alberto R. de Samaniego, doutor en Filosofía, comisario e profesor de Belas Artes da Universidade de Vigo. O alcalde Santiago e presidente do Consello Reitor do Auditorio de Galicia, Martiño Noriega, encargouse de facerlle entrega desta distinción, dotada con 6.000 euros, nun acto celebrado na Sala Isaac Díaz Pardo do Auditorio.

Foi a concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, quen entregou á artista pontevedresa Carlota de Leal (Vila de Cruces, 1988) o segundo premio, dotado con 2.000 euros. Avoa Elena é unha pintura mural na que a creadora traballa sobre a figura da súa avoa como "unha deusa antiga e moderna, unha muller flutuante, unha nena sobrevoando o espazo, enganchada por uns simples anzois que non conseguen levala á superficie."

Finalmente, o accésit da décima convocatoria destes galardóns foi para o artista Brais Rodríguez, (Brión, 1980), que recibiu o premio de mans da directora do Matadero Madrid e membro do xurado, Carlota Álvarez Basso. A obra Liñas Verticais, variación secuencial arredor do grosor e da ondulación das liñas xeradas polas 150 láminas das que se conforma a peza, será distinguida cunha intervención artística na "Zona C".

A entrega de galardóns deu paso á inauguración da mostra Décimo Premio Auditorio e Galicia para novos artistas unha escolma de 37 traballos que o xurado seleccionou entre as 87 propostas que concorreron ao premio, e que permanecerá no Auditorio de Galicia até o 8 de abril. Nela, poderemos atopar as creacións orixinais e inéditas de Carla Andrade, Amine Asselman, Pablo Barreiro, Pilar Boullosa, Marta Bran, Abi Castillo, Olalla Castro, Samuel Castro, Nicolás Combarro, Iria Cortizo, Marcos Covela, Miguel Cuba, Olmo Cuña, Carlota De Leal, Roi Domínguez, Edu, Iago Eireos, David Fidalgo Omil, Basilisa Fiestras, Marta Fortes, Julia Huete, Berio Molina, Rosa Neutro, Ana Pérez Ventura, Lara Pintos, Mar Ramón Soriano, Martín Rivas, Brais Rodríguez, Aarón Sanromán, Borja Santomé, Paula Santomé, Andrea Torres, Dennise Vaccarello, Pablo Vence, Mar Vicente, Xabier Vieiro, e Jesu Yánez.

De periodicidade bianual, a convocatoria dos Premios Auditorio de Galicia para Novos Artistas procura fomentar os valores culturais e a promoción de artistas emerxentes do país, estimular o seu labor creador e apoiar e incentivar a creación e difusión das súas obras. Circunscrito ao ámbito autonómico, diríxese a artistas de traxectoria non consolidada co albo de ampliar a súa visibilidade e contribuír ao enriquecemento e coñecemento da creación contemporánea e ao patrimonio cultural galego.

O xurado, presidido nesta ocasión por Branca Novoneyra en representación de Martiño Noriega como presidente do Consello Reitor do Auditorio, estivo composto por Carlota Álvarez Basso, directora de Matadero Madrid;, Carme Nogueira, artista; Ignacio Pérez Jofre, artista e profesor de Belas Artes; Natalia Poncela, crítica de arte; e Chus Busto Castiñeiras, responsable de exposicións do Auditorio de Galicia, que interveu por delegación do director xerente e en calidade de secretaria do xurado.

Direccións relacionadas



Compartir: