ALCALDÍA E MERCADOS

O Concello inviste preto de 60.000 euros na mellora das instalacións do Mercado de Amio

22/11/2017 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e as concelleiras de Desenvolvemento Económico e de Mercados, Marta Lois e Noa Morales, respectivamente, visitaron esta mañá o Mercado de Amio, aproveitando que os mércores se celebra a habitual feira de gando.

O Concello investiu hai uns meses preto de 60.000 euros en varios arranxos nas instalacións, que supuxeron a mellora das condicións do gando, tanto de recría como de abasto. Así, realizáronse actuacións nos comedeiros de animais, nos bebedeiros e nos amarres. Tamén se substituíron as gaiolas por 300 novas cancelas, levando a cabo un total de sete investimentos importantes para o mercado e que responden ás demandas da xerencia.

O alcalde e as concelleiras mantiveron un encontro con representantes das dúas asociacións de tratantes de gando, ASTRAGAL para a zona da Coruña e ACEGA para a de Lugo. Cada unha delas ten dous representantes na Mesa de Prezos, un órgano consultivo que fixa cada día de feira os prezos das distintas categorías de bovino que acceden ao recinto. Tamén hai unha Mesa de Prezos exclusiva para a Indicación Xeográfica Protexida Tenreira Galega, que agora pasou a denominarse Boi e Vaca de Galicia. Os vogais desta última celebran sesión por conferencia telefónica.

Posteriormente visitaron a oficina de veterinarios e veterinarias e tamén o resto de instalacións, como as naves do gando, os espazos de recreo e a estación de lavado e desinfección de camións.

Martiño Noriega fixo fincapé en que se trata da "primeira actuación importante que se leva a cabo no mercado dende hai máis de 20 anos" e avanzou "o compromiso de acción permanente por parte do Concello na mellora das condicións, tanto dos animais como do propio espazo". O alcalde lembrou que "o mercado de Amio é o mercado público máis importante do Estado".

Referencia
O Mercado de Amio é un referente a nivel Estado e no conxunto de Europa. O mercado compostelán foi o único que superou os 114.000 animais no pasado ano 2016, reunindo un total de 114.535 reses. A concorrencia de cabezas medrou un 3,3% no último ano e fixo que o Mercado de Amio pasase da terceira posición a converterse en líder no conxunto do Estado, cun volume económico que se sitúa arredor dos 40 millóns de euros ao ano. De feito ata o 31 de agosto de 2017 o volume económico movido no mercado ascendeu a 28.759.661 euros, 211.300 máis que o mesmo periodo do ano anterior.

Amio move arredor do 20% do volume de animais de todo o Estado, de tal xeito que unha de cada cinco reses que se comercializan faino en Compostela.

Compartir: