ALCALDÍA

A veciñanza da zona Urbana Sur está convidada este venres a un novo encontro "Ao vivo" co Goberno local

22/11/2017 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e os concelleiros e concelleiras do Goberno local manterán este venres 24 de novembro, un novo encontro "Ao vivo" coa cidadanía. Será ás 19:30 horas na Sala Agustín Magán do Centro Sociocultural de Santa Marta. A esta xuntanza están convidados os veciños e veciñas de Santa Marta, Conxo, Choupaña, Volta do Castro e Vidán.

Ao longo do mandato, o Goberno local foi recollendo as peticións e suxestións da veciñanza desta zona, tanto formuladas a título individual como canalizadas a través da ducia de asociacións de veciños que existen neste ámbito. Como vén sendo habitual nos "Ao vivo", o alcalde e os concelleiros e concelleiras terán que render contas do feito, e explicar as actuacións que non se puideron acometer. Tamén se recollerán as novas demandas que vaian xurdindo no encontro.

Nove "Encontros ao vivo"
Os "Encontros ao vivo" forman parte da aposta pola participación cidadá que fai o Goberno local. Estas xuntanzas completan os procesos iniciados coa auditoría cidadá elaborada a partir das ducias de reunións mantidas coas diferentes asociacións de Compostela, e coa posta en marcha dos orzamentos participativos.

O obxectivo é abarcar todo o territorio de Compostela con estes actos, e por iso están planificados nove "Encontros ao vivo", seis en áreas urbanas e tres en áreas rurais. En cada un deles, agrúpanse varios barrios ou parroquias, de xeito que se poderán tratar temas concretos que lles afecte á súa veciñanza, ou asuntos de interese para o conxunto do municipio.

Direccións relacionadas



Compartir: