DESENVOLVEMENTO ECONÓMICO

A terceira edición da Maker Faire Galicia celébrase esta vindeira fin de semana na Cidade da Cultura

20/11/2017 A concelleira de Turismo, Marta Lois, presentou a terceira edición da Maker Faire Galicia, acompañada da organizadora do evento, Matilde Rodríguez. A Maker Faire Galicia, escaparate para a creatividade e o enxeño pensado para todos os públicos e disciplinas, celebrarase do 24 ao 26 de novembro na Cidade da Cultura.

A terceira edición da Maker Faire Galicia, que conta coa colaboración do Departamento de Promoción Económica do Concello introduce tres importantes novidades respecto das edicións pasadas, en resposta ao interese crecente que existe sobre o movemento maker. A primeira é que o evento, logo de que no 2015 se celebrase en Área Central e a segunda no Pazo de Congresos, terá lugar este ano na Cidade da Cultura.

A segunda novidade é que a organización decidiu ampliar o programa do evento nun día máis, pasando de dous a tres. Este novo día dedicarase exclusivamente ao sector empresarial interesado nas múltiples posibilidades de desenvolvemento económico que ofrece a inventiva maker. Así, a xornada do venres 24 será para empresas, mentres que os días 25 e 26 o evento estará aberto e contará con actividades para todos os públicos.

A terceira novidade é que o encontro, que nas edicións anteriores se celebrou no mes de outubro, pasa agora a celebrase no mes de novembro. Este cambio de datas vai na liña de fomento da desestacionalización que se está desenvolvendo dende o Concello, que traballa co obxectivo de que a cidade albergue máis eventos de todo tipo nos meses de temporada baixa.

Richard Stallman
Con estas novidades, a Maker Faire Galicia consolídase como o punto de encontro para a comunidade creadora, potenciando unha Galicia innovadora e colaborativa. Pero ademais introduce este ano referentes de prestixio mundial, como Richard Stallman, unha das figuras máis significativas do movemento do software libre, coñecido por ter creado o sistema operativo GNU, actualmente parte de GNU/Linux, a primeira alternativa aos principais sistemas operativos: Windows e MacOS.

Richard Stallman ten sido recoñecido con numerosos premios, entre os que destacan o premio Grace Hopper Award que entrega a Association for Computing Machinery por Emacs. Tamén foi nomeado doutor Honoris Causa por varias universidades de todo o mundo e forma parte do Salón da Fama de Internet.
Coa creación do sistema operativo GNU, sentou as bases do movemento do software libre, onde todo o mundo é libre de copiar ou distribuír o sistema, así como realizar cambios de maior ou menor magnitude. Actualmente o sistema GNU/Linux é utilizado por decenas de millóns de ordenadores. A través da súa Free Software Foundation, Stallman busca concienciar á sociedade, e especialmente aos gobernos, para que utilicen o software libre tanto nas institucións como nas escolas públicas.

Unha fórmula de éxito
A fórmula da Galicia Maker Faire consiste en reunir nun mesmo espazo e tempo a persoas que fan cousas incribles e están dispostas a partillalas co público. Facer visible a produción colaborativa da Galicia máis innovadora aumenta a inquedanza por aprender facendo, á vez que serve de punto de contacto para a transmisión de coñecemento entre as distintas xeracións.

Durante tres días estarán representados proxectos relacionados coa robótica, Impresión 3D, gastronomía, electrónica, artesanía, música, arte urbana, etc. Haberá espazo para talleres, mesas redondas, presentación de proxectos, espectáculos e actividades para todos os públicos. A previsión é que se superen os 150 makers participando no evento.

Novos espazos de encontro e traballo
O movemento maker reúne baixo un mesmo paraugas a un crecente número de persoas de distintos perfís que usan técnicas Do-It-Yourself e Do-It-Together para desenvolver tecnoloxías únicas e solucións innovadoras. Europa é o continente cun maior número de Makerspaces e Fablabs, ademais de dar a luz a proxectos como Arduino, Raspberry Pi ou RepRap, todas ferramentas de código aberto que democratizaron o acceso a tecnoloxías como a electrónica, a programación e a impresión 3D.

A cultura maker e a súa filosofía de compartir coñecemento está permitindo a creación de novos espazos de encontro e traballo (Hackerspaces, Fablabs, Makerspaces, Techshops), nos que se fabrican as últimas vangardas tecnolóxicas e que favorecen a transferencia de coñecemento; novos traballos (tecnólogo creativo, deseñador de interacción, emprendedor dunha startup de hardware, fabricante ou distribuidor de impresoras 3D, experto educativo, piloto de drons e moitos máis); novas ferramentas educativas que funcionan con todos os públicos e que son accesibles a todos a través de Internet; e novos tipos de festivais-feiras que potencian o uso das tecnoloxías creativas como as Maker Faire.

Direccións relacionadas



Compartir: