XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno acorda incorporar á EDUSI a redacción de seis proxectos de reordenación de viarios

17/11/2017 A Xunta de Goberno acordou hoxe seleccionar o programa de "Reordenación do viario municipal" para a súa tramitación ante o Ministerio de Facenda co fin da súa inclusión na EDUSI. A operación, na que se inclúe a redacción de seis proxectos, está orzamentada en 200.000 euros, dos que 160.000 procederían de fondos FEDER.

O alcalde, Martiño Noriega, salientou que neste programa "inclúense os proxectos que clarificarán as actuacións do Concello no viario Clara Campoamor, que lle darán acceso á futura Estación Intermodal e que estarán executadas cando o estea a nova estación de autobuses".

Así, no programa remitido ao Ministerio de Facenda para a súa inclusión na EDUSI figura a redacción do proxecto básico e de execución e de seguridade e saúde da reordenación da rúa Clara Campoamor, rotondas e espazos libres adxacentes; cun orzamento de 72.600 euros. Tamén se inclúen no programa a dirección de obra e coordinación de seguridade e saúde do mesmo proxecto, por un importe de 48.400 euros; e a redacción do anteproxecto de reordenación da avenida de Lugo nas confluencias das rúas de Ramón Piñeiro, Bernardo Barreiro, Clara Campoamor e os novos accesos a á Estación Intermodal, cun orzamento de 15.000 euros.

Ademais, no programa de "Reordenación do viario municipal" contémplase a redacción do proxecto básico para a reordenación das rúas do Restollal e de Amor Ruibal, incluídas as rotondas do Castiñeiriño e Galuresa (40.000 euros); a redacción do proxecto básico de reordenación das avenidas de Santiago de Cuba e de Antonio Fraguas entre as rotondas do Castiñeiriño, Conxo e Galuresa (15.000 euros); e a redacción do anteproxecto para a reordenación da avenida do Cruceiro da Coruña e a avenida Rodríguez de Viguri, entre o enlace cos accesos ao Polígono do Tambre e o cruce con Concheiros (9.000 euros).

Batalla de Clavijo
A proposta da concelleira delegada de Economía e Facenda, hoxe tamén se acordou seleccionar o proxecto de mellora das rúas Batalla de Clavijo e anexas de cara á súa inclusión na EDUSI.

O alcalde explicou que a actuación está dividida en dúas fases, a primeira orzamentada en case 566.000 euros, e a segunda en preto de 485.000 euros. O Concello está a solicitar o cofinanciamento europeo para a primeira fase, na que se investirían 452.000 euros de fondos FEDER.

Programa municipal de Nadal
A Xunta de Goberno de hoxe tamén aprobou hoxe o programa de conciliación de Nadal, dirixido a nenos e nenas que cursen estudos en centros de Educación Infantil e Primaria de Santiago, con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos.

As actividades vanse desenvolver nos días 22, 26, 27, 28 e 29 de decembro, e o 2, 3, 4 e 5 de xaneiro de 2018, en horario de 9:00 a 14:00 horas. Tamén se ofrece a posibilidade de solicitar o servizo de madrugadores con almorzo, ou o de comedor.

A concellería de Educación e Cidadanía oferta un total de 100 prazas, entre os CEIP das Fontiñas e Raíña Fabiola, e 50 prazas para os servizos de comedor e de madrugadores. O prazo de inscrición vai do 24 de novembro ao 11 de decembro, ambos incluídos.

Outros acordos
Na reunión desta mañá, o Goberno aprobou o convenio entre o Concello de Santiago e a Real Federación Española de Karate para a organización do Campionato de España de Karate nas categorías cadete, júnior e sub-21. A celebración da competición, nesta fin de semana, ten un orzamento próximo aos 34.000 euros.

Na Xunta de Goberno de hoxe tamén recibiron luz verde o convenio entre o Concello e o IES Rosalía de Castro para o financiamento do Bacharelato Internacional, cunha achega municipal de 6.208 euros; o convenio co Seminario Galego de Educación para a Paz, por 2.000 euros; e o acordo coa Universidade de Santiago para o desenvolvemento do IV Ciclo, por 1.000 euros.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: