ALCALDÍA

"Compostela Ilustrada" reúne dende hoxe a 13 destacadas figuras da ilustración internacional

09/11/2017 O alcalde de Santiago Martiño Noriega inaugurou o II Encontro Internacional de Cadernos de Viaxe Compostela Ilustrada que se celebra do 9 ao 12 de novembro. No acto, celebrado na Galería Sargadelos, tamén estiveron o director do encontro, Miguelanxo Prado, e os deseñadores e deseñadoras participantes. Todos e todas puideron visitar a exposición Camiña o Camiño, aberta neste espazo ata ao 30 de novembro.

Entre os/as artistas que estarán en Compostela Ilustrada nesta edición destacan nomes como Munehiro Ikeda, Jorge Arranz, Mr. Zé, Teresa Ruivo ou Blanca Escrigas. As actividades do Encontro terán lugar en diferentes localizacións da cidade. En cada lugar, un ilustrador ou ilustradora traballará nun obradoiro ou conferencia sobre unha temática concreta do deseño. Entre os puntos escollidos están o Hostal dos Reis Católicos, o Centro de Acollida ao Peregrino ou o Museo das Peregrinacións, onde se visitará a mostra de Munehiro Ikeda, primeiro deseñador en crear un caderno sobre o Camiño de Santiago. Ademais, viaxarase en tren de Santiago a Padrón para debuxar a Casa de Rosalía de Castro.

Os obradoiros inclúen a creación de cadernos en acordeón, traballos especializados en tapas de libros ilustrados ou caligrafía expresiva. O último día deste II Encontro de Cadernos de Viaxe, o domingo 12, haberá unha gran quedada cos participantes do mesmo. Será na praza do Obradoiro, ás 10:30 horas, para debuxar con eles e elas.

Direccións relacionadas



Compartir: