DEPORTE

Unha campaña promoverá nos centros escolares a práctica do squash

27/10/2017 A concelleira de Mocidade e Deportes, Noa Morales, e o presidente da Federación Galega de Squash, Carlos Noya, presentaron a campaña de promoción Coñece o Squash, que se está realizando en varios centros de ensino da cidade. A campaña está dirixida a nenos e nenas de Primaria, de entre 3 e 11 anos, co obxectivo de fomentar a práctica deste deporte.

Grazas a esta campaña, colocarase unha pista inchable en varios centros educativos, onde permanecerá durante unha semana. Trátase así de fomentar este deporte e permitir a sua práctica, aproveitando tamén o potencial de difusión que esta disciplina ten en Santiago como referente no squash a nivel nacional, con deportistas coma o campión de Europa Borja Golán.

"O squash é unha actividade moi completa que se pode practicar todo o ano en pista cuberta, sen interrupción pola climatoloxía", apuntou Noa Morales a propósito desta disciplina deportiva. Ademais, destacou o positivo que para Santiago é "contar cun dos mellores xogadores do mundo, como é Borja Golán, que foi campión de España e Europa e que estivo entre os dez mellores a nivel mundial".

Segundo a concelleira, a idea da campaña é levar o coñecemento do squash aos nenos e nenas "mediante unha serie de contidos eminentemente prácticos, desenvolvéndose cos profesores e profesoras de educación física que hai nos centros". En total serán oito centros escolares de primaria os que acollerán as actividades de Coñece o Squash.

O presidente da Federación Galega de Squash, Carlos Noya, tamén destacou o potencial de Santiago neste deporte. Explicou que a idea da campaña naceu a comezos de ano, "cando o alcalde mostrou interese na creación dun complexo onde se acollese tanto o squash como outros dous deportes de raqueta, debido ao seu descoñecemento por parte dunha grande maioría". Neste sentido, Carlos Noya afirmou que, tanto dende a Alcaldía como dende a Concellaría de Deporte, "sentimos un apoio moi forte para esta idea da cidade da raqueta".

A pista inchable foi solicitada á Federación Sueca de Squash. "Isto permítenos ir a todos os colexios, pois é unha estrutura portátil e así os nenos e nenas teñen a oportunidade de acceder á práctica deste deporte para coñecelo", describiu Noya. O obxectivo é que xermole unha nova xeración de xogadores e xogadoras deste deporte. Cada semana e ata finais de decembro, irase desenvolvendo esta actividade nun colexio diferente.

A Federación Galega faciltará o adestramento e o Concello axudará co traslado da pista inchable. Consensuáronse as actividades cos profesores de educación física dos centros e en función das idades dos nenos e nenas. Ademais das sesións nos colexios, o alumnado poderá participar en adestramentos gratuítos nas instalacións de squash no Milladoiro.

Compartir: