OBRAS

A Deputación da Coruña licita a redacción dos proxectos de ampliación da estrada Roxos-Reborido e da senda entre o Carme de Abaixo e o Pedroso

20/10/2017 O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe dous anuncios para a contratación da redacción de dous proxectos longamente agardados en Santiago: a ampliación e mellora do trazado da estrada provincial que comunica Roxos e Reborido, e a senda peonil de Santiago a Figueiras.

A ampliación da estrada que une Roxos con Reborido é unha actuación que xa se intentara levar a cabo no ano 2005. Daquela xurdiran problemas coas expropiacións dos terreos que acabaron paralizando o proceso no ano 2011. En 2014, desestiuse da obra, que o actual Goberno local volveu reclamar dende o inicio de mandato.

Agora, a Deputación saca a licitación a redacción do proxecto de ampliación e mellora do trazado da DP-7802, traballos para os que prevé un orzamento de 21.780 euro, IVE incluído, e un prazo de execución de catro meses.

Senda peonil a Figueiras
A outra actuación que a Deputación pon en marcha, co inicio da contratación da redacción do proxecto, é a senda peonil na DP-7803 dende a zona do Carme de Abaixo ata o Pedroso, en Figueiras. O orzamento de licitación é de 19.360 euros, e o prazo de execución de catro meses. A actuación permitirá, ademais, rectificar o trazado do viario en puntos sensibles para a seguridade.

Co inicio desta contratación tamén se responde a unha vella demanda da veciñanza que se viu freada no seu día, malia a que chegara a haber un proxecto redactado en 2009 que agora é preciso reformular para atender ás circunstancias actuais.

Compartir: