FACENDA

A veciñanza escolle investimentos en mobilidade e espazos de lecer nos orzamentos participativos

18/10/2017 A concelleira de Economía e Facenda, María Rozas, presentou hoxe o resultado do proceso de orzamentos participativos, que incrementou a participación nun 62% con respecto á edición anterior, con máis de 2.000 votos emitidos e 1.850 novas persoas inscritas nas diferentes fases do programa que se suman ás inscritas no proceso do ano pasado. Isto supón a participación total no proceso de 3.578 persoas.

Na área de Municipal, as propostas gañadoras nesta fase de votación, que suman 1.500.000 €, incorporaranse ao proxecto de orzamento municipal de 2018. Os 400.000 € destinados a investimentos que beneficiarán ao conxunto do municipio repartíronse entre dúas propostas relacionadas coa mobilidade. A primeira foi "A bici pacifica", un investimento que permitirá a adaptación do tránsito urbano á circulación en bicicleta, fomentando a cooperación entre todas as persoas usuarias das vías públicas, empreguen ou non este medio de transporte. O outro proxecto gañador foi a construción dun carril que permita o acceso á praia fluvial de Chaián sen empregar o coche.

Festas e Mocidade
No capítulo das festas do Apóstolo de 2018, as veciñas e veciños escolleron tres propostas que cobren os 100.000 € destinados a actividades: a ampliación do horario do bus urbano para cubrir todas as actividades das festas, unha semana de cine clásico ao aire libre e un festival no parque do Auditorio.

Para a mocidade compostelá reserváronse outros 100.000 € para actividades que se repartirán entre dez actividades que abranguen temáticas moi diversas: cultura na rúa, lecer nocturno, abordaxe das desigualdades de xénero, posta en valor do medio rural, ecoloxía e medios audiovisuais.

Propostas dos barrios e parroquias
A veciñanza do rural compostelán escolleu para as súas parroquias a construción de parques biosaudables e ademais, no caso do rural sur, a dotación de espazos de lecer cubertos en todas as parroquias. A zona norte decidiu priorizar a construción de beirarrúas na avenida do Cruceiro, completando o orzamento de 225.000 € do que dispuña esta área, mentres a zona sur da cidade repartiu o mesmo importe entre a creación dunha área de hortas urbanas entre Santa Marta, Conxo e a Volta do Castro e unha senda peonil e practicable en bicicleta para unir a lagoa de Cornes con Conxo, Rial, Poza Real, Rego do Vilar e Porto de Conxo.

Aumento da participación
Nas dúas edicións dos Orzamentos Participativos inscribíronse 3.578 persoas con dereito a voto, das cales 1.850 se sumaron nesta edición de 2017, representando un incremento do 106% sobre o ano anterior. No que respecta ao reparto dos votos entre as diferentes áreas, os orzamentos municipais e as festas do Apóstolo, dirixidos a todo o censo de Santiago de Compostela, foron os que máis participación concentraron, con 586 e 549 votantes respectivamente.

En total, emitíronse 2.054 votos entre as sete áreas nas que as veciñas e veciños de Santiago de Compostela repartiron 1.500.000 € destinados a actividades e investimentos, aumentando así o número de votos totais nun 62.88% con respecto a esta mesma fase da pasada edición. Os votos recolléronse na plataforma web decide.santiagodecompostela.gal, a través das asembleas de decisión de cada zona e en sesións de votación presencial organizadas polas asociacións veciñais.

As persoas participantes puideron escoller entre 133 propostas correspondentes ás seguintes áreas: Investimentos municipais, zona norte, zona sur, rural norte, rural sur e actividades dirixidas á mocidade e ás Festas do Apóstolo 2018. Estas propostas finalistas, que sumaban un importe de 10.000.000 €, foron priorizadas de entre todas as presentadas nunha fase de recollida de apoios e posteriormente avaliadas polos servizos municipais para comprobar a súa viabilidade técnica e económica. As propostas gañadoras incorporaranse ao proxecto de orzamento municipal de 2018 e, ao remate do proceso, constituirase ademais unha comisión de seguimento que informará do estado dos proxectos e velará polo cumprimento do compromiso de execución que o Goberno local adquiriu mediante estes orzamentos participativos.

Os resultados completos pódense consultar na web dos Orzamentos Participativos.

Compartir: