MOCIDADE

En marcha a segunda edición das Aulas de Educación Canina

06/10/2017 A concelleira de Mocidade Noa Morales, presentou a segunda edición das Aulas de Educación Canina, que se impartirán durante este último trimestre do ano. Xunto a ela estiveron Iria Pérez e María Sabel, do club"Só lles falta falar", entidade encargada da actividade, xurdida no marco dos orzamentos participativos de Mocidade. A participación é de balde.

Un dos principais obxectivos destas aulas é a prevención dos problemas que poida provocar a convivencia entre cans e cadelas coas persoas, ademais de procurarlles unha mellor calidade de vida. As actividades divídense en tres apartados, as Aulas de Educación Canina, charlas en diversos parques da cidade e charlas en centros escolares e outros puntos de interese. A inscrición nestas actividades realizarase no Centro Socicocultural e Xuvenil Municipal do Ensanche (rúa de Frei Rosendo Salvado, 14-16) ou a través do correo electrónico dptoxuventude@santiagodecompostela.gal.

En palabras de Noa Morales, esta segunda edición das Aulas de Educación Canina é "unha resposta á boa acollida e posterior demanda destas aulas por parte da cidadanía, tanto de persoas novas como maiores". A concelleira destacou a importancia desta aulas para que "algunhas persoas perdan o medo aos cans, melloren as relacións de convivencia entre persoas e animais e a prevención contra o maltrato animal".

Iria Pérez e María Sabel, de "Só lles falta falar", explicaron o desenvolvemento das actividades, nas que tamén están implicadas entidades como Aspanaes ou Down Compostela, para as que os cans son un importante soporte terapéutico. "Coas Aulas queremos fomentar a tenencia responsable de cans e cadelas por parte das persoas, sobre todo pensando nas persoas con medo aos cans, a quen lles daremos unhas sesións os venres polas tardes para superaren ese medo", apuntou María Sabel.

Segundo detallou Iria Pérez, "haberá 15 charlas educativas para aprender sobre os cans. Estas conversas terán unha serie de contidos relativos a asuntos legais, saúde, linguaxe canina ou como actuar en situacións de risco". Ademais, dixo, "faremos visitas a centros escolares e outro tipo de institucións para a resolución de dúbidas sobre estes animais".

CALENDARIO

1.- Aulas de Educación Canina
- 1ª edición: 10, 17, 24 e 31 de outubro.
- 2ª edición: 7, 14, 21, 28 de novembro.
- 3ª edición: 4, 11 e 18 de decembro.
- 4ª edición: 9, 16, 23 e 30 de xaneiro.

De 17:00 a 19:00 horas, no parque do Paxonal.

Inscricións no CSCXM do Ensanche ou en dptoxuventude@santiagodecompostela.gal.

2.- Charlas en parques da cidade
- 13 de outubro, 3 de novembro e 1 de decembro, na Alameda.
- 20 de outubro, no Parque Carlomagno (Fontiñas).
- 10 de novembro e 15 de decembro, no Parque Eugenio Granell (Pontepedriña).
- 17 de decembro, no Parque de San Domingos de Bonaval.
- 27 de outubro e 22 de decembro, no Parque de Belvís.
- 24 de outubro e 29 de decembro, no Parque de Galeras.

A partir das 20:00 h. Non é necesaria a inscrición.

3.- Charlas en centros escolares, asociacións e outros puntos de interese
- 10, 17, 24 e 31 de outubro; 7, 14, 21 e 28 de novembro e 5 de decembro. Os lugares aínda están por determinar.

Inscricións no CSCXM do Ensanche ou en dptoxuventude@santiagodecompostela.gal.

Compartir: