XUNTA DE GOBERNO

O Goberno inicia o procedemento para adxudicar a instalación da pista de xeo nos dous próximos Nadais

22/09/2017 A Xunta de Goberno aprobou hoxe o inicio do procedemento de licitación para a adxudicación da autorización da ocupación temporal da Alameda para a instalación da pista de patinaxe sobre xeo nas dúas próximas campañas de Nadal. Ao tempo, aprobouse o prego que rexerá a licitación, para a que se establece un canon mínimo de saída á alza de 2.000 euros.

O alcalde, Martiño Noriega, explicou que os pregos sinalan que a pista de xeo estará instalada entre o 20 de decembro e o 7 de xaneiro, se ben lembrou que "é habitual ampliar despois eses prazos para satisfacer a enorme demanda que teñen estas instalacións". Ademais, indícase que a pista terá unha dimensión orientativa de entre 400 e 500 metros cadrados, e establécese un prezo máximo de entrada de 10 euros, IVE incluído.

Granxa do Xesto
Na reunión de hoxe, a Xunta de Goberno tamén acordou declarar deserta a licitación da explotación da cafetería da Granxa do Xesto, que se reservara para centros especiais de emprego e empresas de inserción. O alcalde explicou que o Concello non descarta manter esta reserva e abrir un novo procedemento negociado, ou ben convocar un novo concurso aberto e sen reservas.

Uniformes da Policía
Por último, na Xunta de Goberno de hoxe abriuse o procedemento para o subministro dos uniformes da Policía Local en catro lotes: prendas de confección a medida, complementos, calzado e prendas para a auga. En total, destinaranse case 100.000 euros á compra destes elementos.

Documentos relacionados



Compartir: