DEPORTE

Rematadas as obras no campo de fútbol das Cancelas e no pavillón polideportivo das Fontiñas

21/09/2017 A concelleira de Deporte, Noa Morales, visitou esta mañá o campo de fútbol das Cancelas, onde se levaron a cabo obras durante os meses de verán. Ademais desta instalación, tamén se acometeron obras no polideportivo das Fontiñas. O Concello destinou a estas dúas obras preto de 100.000 euros, procedentes do remanente de tesourería.

Noa Morales explicou que "no campo de fútbol das Cancelas actuouse principalmente na grada". Esta instalación levaba sen obras dende 2008, "cando só se actuou no propio terreo de xogo", de tal forma que é a primeira actuación que se leva a cabo dende hai moitos anos. Así, interveuse no pavimento das gradas "onde, co paso dos anos, se deteriorou a superficie antideslizante". Para evitar que se esvarara, retiráronse as xuntas, limpáronse e volvéronse selar. O máis significativo foi a incorporación de varandas e pasamáns nas escaleiras, o ensanche destas para que fose posible a subida e a baixada ao mesmo tempo e colocáronse asentos para facilitar o acceso e mellorar a comodidade.

Ademais, limpouse toda a fachada e tratouse con resinas para conseguir quitar as humidades en toda a estrutura. Tamén se limparon elementos próximos ás gradas para eliminar os fungos.

Novo equipamento
No polideportivo das Fontiñas realizouse unha actuación moi significativa que ascendeu a 50.437 euros, que permitiron actuar en máis de 120 metros cadrados de superficie. Fixéronse obras na zona do vestíbulo e na área de cortaventos. Ademais, gañouse un novo espazo deportivo na cidade consistente nun ximnasio que se incluíu no propio pavillón e ao que se lle incorporou acceso aos vestiarios.

"Este novo equipamento permitirá gañar un espazo deportivo na cidade e que o utilicen aquelas disciplinas deportivas que non requiren un espazo moi amplo para a súa actividade", explicou a concelleira.

Compartir: