ALCALDÍA

O WOS Festival celebra a súa IV edición consolidado como "o evento das propostas máis arriscadas"

04/09/2017 Santiago acollerá, do 6 ao 10 de setembro, a cuarta edición do WOS Festival, un evento de carácter anual que pretende ofrecer unha visión ampla da cultura alternativa e de vangarda. O alcalde, Martiño Noriega, participou hoxe na presentación do festival promovido pola produtora Work On Sunday, que "demostra que o relato cultural da cidade ten que construírse, non só dende as institucións, senón tamén desde a propia xente".

O alcalde mostrouse convencido de que "a de 2017 será a edición máis ambiciosa do WOS, con máis de 50 propostas culturais distintas en espazos emblemáticos de Compostela como a Fundación Granell, o Teatro Principal, a Praza de Abastos, o CGAC, a sala Númax ou a Cidade da Cultura". Para Martiño Noriega, o festival "vaise consolidando como un importante promotor da riqueza cultural e o atractivo turístico de Santiago, e de feito a maioría dos asistentes ás súas actividades non son composteláns".

Apoio institucional
Xunto co alcalde, na presentación do WOS participaron a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín; o director da Agadic, Jacobo Sutil; e a directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Isabel Vázquez Reboredo. Todos eles salientaron a importancia de que as diferentes administracións cooperen en iniciativas culturais como o WOS, que conta ademais co patrocinio de Estrella Galicia.

Dende a produtora Work On Sunday, Iván Arias recoñeceu que o apoio institucional e privado é fundamental para que poida celebrarse o festival, que "aposta por unha liña alonxada do que é habitual nos eventos culturais do país para achegarse máis ás dinámicas europeas". Nese sentido, incidiu en que o WOS é "o festival das propostas máis arriscadas, das que a priori son menos vendibles, aínda que o público está entendendo e apoiando a filosofía do evento".

Máis que música
A cuarta edición do WOS está estruturada en torno a catro programas: Cinema, Encontros, Performance, Música e Clubbing. Serán en total 50 propostas, que traerán a Compostela a artistas chegados desde todo o mundo, a maioría deles por primeira vez en España.

A principal aposta do festival segue sendo a música, e neste apartado o cabeza de cartel deste ano serán os británicos Beak. Iván Arias salientou que "os organizadores levamos catro anos intentando traer a este grupo ao festival, pero é moi difícil porque é unha formación que dá moi poucos concertos". Por iso, o programador de Work On Sunday animou o público "a non perder o que vai ser unha oportunidade única".

Os británicos Tomaga e Samuel Kerridge, a veterana canadense Julia Kent, ou a moza australiana Carla dal Forno poñen no programa de música as últimas puntadas a un cartel de decidida aposta polo risco, a electrónica e a vangarda.

O programa musical ofrece algunhas actividades abertas ao público xeral, como o concerto dos galegos Boyanka Kostova ou o set da La Isla del Tesoro no Mercado de Abastos. Algunhas das pezas do programa de Performance, comisariado en parte en colaboración cos axentes culturais Matarile Teatro e La Montiel, terán entradas á venda para persoas non asistentes ao festival. O cartel de WOS Performance inclúe pezas de artistas galegos consagrados, como Javier Martín ou Nuria Sotelo; emerxentes, como Nostoc ou Sonic Parkour; ou de prestixio internacional, como Lumière III, de Robert Henke.

Pola súa parte o, programa de Encontros crece ata as oito propostas, entre elas os coloquios co público cos artistas Robert Henke, Nite Jewel e Alan Bishop, e seis mesas para o debate que reúnen a máis de 20 invitados e expertos de diversas procedencias. Todas as actividades do programa de Encontros, nas súas diversas localizacións, son de entrada libre para o público xeral ata completar capacidade.

Cinema e novos espazos
Ademais, o WOS ofrece un programa de Cinema que contará coa estrea de dúas películas en territorio español, e un clásico de culto reverenciado dende a súa estrea en 1982. As estreas Tony Conrad. Completely in the present e Rage. A movie about acid music, ambas as dúas ao redor de figuras ou institucións claves na constitución da contemporaneidade, contarán cunha presentación e encontro co seu produtor, Paul Williams, e director, Guy Marc Hinant, ademais da participación do co-protagonista no filme danés Servando Rocha. O acceso ás películas do programa de WOS Cinema require sacar unha entrada independente e está aberto a persoas non asistentes ao festival, aínda que para aquelas persoas portadoras dunha pulseira Premium aplicarase un desconto especial.

As novidades desta cuarta edición inclúen tamén a apertura de dous novos espazos no festival: a espectacular terraza do Centro Galego de Arte Contemporánea, que acollerá, baixo o patrocinio de Jägermeister, tres proxectos de electrónica, e novo espazo efémero na cidade destinado á exhibición e creación: a sala La Montiel.

O festival, que acollerá máis dunha decena de presentacións de novos discos ou materiais, e que trae por primeira vez a Galicia a máis dunha decena de artistas, conserva no seo o seu cartel un decidido apoio a propostas galegas, e enmárcase nunha atención especial a achegar aos público proxectos pouco comúns. O peche do festival correrá a cargo dunha chamada especial: unha ocasión única de ver reunidos sobre un escenario a cinco xigantes da música exploratoria como son Greg Fox, Julia Kent, Oren Ambarchi, Sontag Shogun e Western Skies Motel.

Os abonos Premium (para os cinco días de festival) e Weekend (venres, sábado e domingo), así como as entradas para días soltos están á venda na web do Festival.

Direccións relacionadas



Compartir: