ESPAZOS CIDADÁNS

O Concello recibe 1,4 millóns de euros para actuacións nas Áreas de Rehabilitación Integral

14/08/2017 O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, Jorge Duarte, deu conta hoxe da asignación a Compostela dun total de 1,4 millóns de euros para as catro Áreas de Rehabilitación Integral (ARI’s) cos que conta a cidade: Pontepedriña, Vite, Casco Histórico e Vista Alegre.

"Esta contía é moi inferior á que tiñamos solicitado e que nos permitiría acometer unha actuación integral máis completa", explicou Jorge Duarte. O Concello de Santiago viña de solicitar un total de 2,7 millóns de euros e, aínda que o concedido queda na metade, é máis do que o Ministerio de Fomento concedeu o ano pasado e que quedou en 900.000 euros.

O concelleiro lembrou que, hai unhas semanas, "reclamamos publicamente a necesidade de que se dotara de máis fondos a esta partida, que en Galicia ía entre os 8 e os 10 millóns de euros e que cualificamos como insuficientes".

Actuacións en nove edificios
Coa achega de 1,4 millóns de euros procedente, tanto do IGVUS como do Ministerio de Fomento, realizaranse un total de 121 actuacións divididas nos 4 ARIS. Así, levaranse a cabo 25 accións de rehabilitación no casco histórico, ás que se lle suma a colocación de ascensores en nove edificios, a razón de tres por cada unha das restantes áreas (Pontepedriña, Vite e Vista Alegre).

No casco histórico, o investimento total será de 465.400 euros, na Pontepedriña e Vite investiranse 855.135 euros (24 actuacións en cada un), e en Vista Alegre realizaranse 48 actuacións en 3 edificios, cun custo de 1.165.000 euros. Tal e como indicou Duarte, "con este orzamento de 1,4 millóns do IGVS e do Ministerio, podemos acometer a metade do que tiñamos previsto".

O orzamento total previsto para estas actuacións ascende a 3,3 millóns de euros, dos cales 1,4 proveñen desta convocatoria de axudas e 1,8 terán que ser aboados polas persoas propietarias. Iso si, como indicou Jorge Duarte, porase en marcha unha liña específica de axudas en función da renda para aquelas persoas con menos recursos "para que poidan afrontar este desembolso".

Axudas complementarias
Este programa supón que as administracións sufraguen entre o 35% e o 50% da instalación de ascensores. Por iso, Jorge Duarte lembrou tamén que o Concello porá a disposición da veciñanza unha liña complementaria de axudas para as persoas con menos recursos económicos, de cara a poder sufragar o montante restante da instalación. Estas axudas estarán dispoñibles a partir de setembro.

O concelleiro tamén recordou que o Concello, ademais de elaborar os estudos de detalle para a colocación de ascensores exteriores, tamén ten a disposición da veciñanza unha Oficina de Vivenda e Rehabilitación.

Compartir: