MANTEMENTO E OBRAS

Novo pulo ás obras de mantemento da rede viaria

27/07/2017 O concelleiro de Medio Rural, Mantemento e Obras para o Reequilibrio Territorial deu conta hoxe do inicio dun novo paquete de actuacións na rede viaria de Santiago, tanto no ámbito urbano como no rural. Trátase de obras que, ou ben están incluídas no gran contrato de mantemento do Concello, ou ben son financiadas a través dos diferentes plans da Deputación da Coruña.

Rafael Peña explicou que o Concello "optou por agardar ao mes de agosto para poñer en marcha o paquete máis groso de obras co obxectivo de minimizar o impacto dos traballos no día a día da veciñanza". Ademais, adiantou que "as actuacións que lle afecten aos viarios máis sensibles executaranse polas noites".

Ese será o caso das obras de fresado e aglomerado que se van executar na rúa Manuel Beiras, Romero Donallo e República Arxentina o 1 de agosto; República Arxentina, Alfredo Brañas, Doutor Ponte Castro, Xeneral Pardiñas e Santiago de Guayaquil o 2 de agosto; Santiago de Guayaquil, Doutor Teixeiro, praza de Galicia, Fonte de Santo Antonio e Ensinanza o 3 de agosto; e Xoán Carlos I, Senra, Virxe da Cerca e Aller Ulloa o 4 de agosto. En todos os casos, está previsto que os traballos se desenvolvan entre as 22:00 e as 8:00 horas, e que non sexa preciso cortar o tráfico.

Nova actuación nas Rodas
Tamén ao abeiro do contrato de mantemento, vaise actuar na rúa do Mestre Mateo, As Rodas, San Roque, Santa Clara, Basquiños, rúa de Amio e Tabaniscas. Está previsto que estas obras se executen en horario diúrno, entre os días 7 e 9 de agosto.

O concelleiro explicou que o tramo no que se vai actuar na rúa das Rodas "é o do xiro, na zona próxima a San Roque". Rafael Peña indicou que "isto obrigará a cortar o tráfico durante tres ou catro días, e este é o motivo polo que este tramo se deixara pendente na anterior intervención na rúa, a finais do ano pasado e en pleno curso escolar".

Obras no medio rural
O edil tamén deu conta das obras que se están executando ou que se iniciarán proximamente no ámbito rural do Concello, e que van supoñer un investimento total de máis de 800.000 euros. Estas actuacións están divididas en cinco bloques, catro deles en marcha e o quinto acabado de adxudicar.

Dentro do primeiro paquete, Rafael Peña explicou que xa se está traballando na parroquia do Eixo, na limpeza de gabias e apertura de cunetas nas rúas Laranxos e Pereiras, que nos próximos días serán pavimentadas. Unha vez rematada esta zona, a empresa adxudicataria iniciará os traballos de mellora da rede viaria en Aríns, en concreto nas rúas Cacharela, Torre Blanca e travesía de San Xuás, e en Villestro. Todas as actuacións deben estar rematadas a mediados de setembro.

No segundo bloque de obras estase traballando tamén na rúa Piñeiro do Eixo, onde se vai substituír o pavimento actual por aglomerado en quente, para "garantir o bo mantemento dun viario que é moi utilizado pola veciñanza porque é o único acceso á igrexa, o campo da festa e outros espazos sociocomunitarios". Unha vez rematada esta obra, a adxudicataria ocuparase da segunda fase do proxecto, que "permitirá acondicionar os accesos principais ás distintas aldeas da parroquia de Enfesta", cunha actuación que lle afectará a un tramo de 1,5 quilómetros entre Reboredo e A Sionlla. Por último, dentro deste paquete inclúense as obras de mellora na pista de acceso ao Colexio Juniors, na Silvouta.

O terceiro paquete de obras inclúe o cambio de pavimento no viario que une Marantes e o cruce de Cherente en Nemenzo, "unha actuación moi demandada pola veciñanza, porque é o único acceso á parroquia de Busto". A intervención aféctalle a un tramo de 2,6 quilómetros, pero a intención do Concello é acometer unha segunda fase.

Por último, o cuarto paquete de obras inclúe pequenas obras de mantemento en vinte pistas da zona rural. Nestes momentos estase traballando na Barciela.

Adxudicada a obra da Cañoteira de Marrozos
O concelleiro de Medio Rural, Mantemento e Obras para o Reequilibro Territorial deu conta tamén da adxudicación definitiva das obras da Fase I da Cañoteira de Marrozos. Os traballos correrán a cargo da empresa Francisco Gómez, e está previsto que comecen entre a última semana de agosto e a primeira de setembro. Esta actuación estará financiada con fondos achegados pola Deputación da Coruña.

Rafael Peña mostrouse convencido de que "coas obras que se executarán nas próximas semanas, a rede viaria de Compostela quedará ben preparada para o inverno". Aínda así, asegurou que "o Goberno seguirá nesta liña de investimentos no que queda de mandato, porque é preciso solucionar o que era un gran problema estrutural". Por iso, sinalou que o gran contrato de mantemento, que quedará practicamente esgotado ao executárense estas actuacións, "será prorrogado en outubro, e iso permitiranos dispor novamente de 1,3 millóns de euros para seguir mellorando a rede viaria do Concello e atendendo mesmo as demandas dos barrios".

Compartir: