ACCIÓN CULTURAL

Música, exposicións e cine na programación cultural de Compostela

23/06/2017 Último fin de semana para visitar ‘Os mundos de Carlos Casares’ na Zona C e a Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea no Auditorio de Galicia

Despois do concerto, GUERRERA conversa con TOTALE no Teatro Principal domingo 25 de xuño ás 20.00h, entradas á venda no despacho de billetes do Teatro Principal e en entradas.abanca.com. Falarán co público de deseño aplicado a concertos, discos e bandas.

GUERRERA nacen a finais de 2009 cando Hugo, Álex e Luis, tamén xuntos en Un Lobo En La Jaula comezan a ensaiar como trío de 2 guitarras e batería centrando a súa música no blues rock, o stoner e a psicodelia do anos 70. Tras anos de crecemento e consolidación publican en 2016 o disco homónimo, Guerrera, unha odisea sonora excitante que atravesa os contornos do rock que alcanzaran os seus predecesores ‘Mauna Loa’ (Matapadre, 2014) e ‘Under the Gypsy Sun’ (autoeditado, 2012).

TOTALE son punks xogando a facer pop romántico con sintetizadores analóxicos, ou o que é o mesmo, un dúo de minimal-wave formado en Madrid por Jorge Mills (sintetizadores e voz) e Igor Casayjardín (sintetizadores e caixa de ritmos). Decláranse seguidores de Oppenheimer Analysis, Human League, Absolute Body Control, Suicide o DAF. Sons sintetizados, escuridade pícara, bailoteo solemne. Como presenciar unha liturxia pagá retrofuturista--- celebrando a chegada da máquina!Ç

Exposicións
O domingo 25 de xuño será o último día para visitar ‘Os mundos de Carlos Casares’ na Zona "C" con entrada libre e horario sábado de 16.00 a 20.00h, domingo de 14.00 a 19.00h; e a Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea no Auditorio de Galicia tamén con entrada libre e en horario de 10 a 14h e de 16 a 19h.

‘Os mundos de Carlos Casares’ e unha exposición comisariada por Gustavo Adolfo Garrido e Chus Martínez Domínguez que ten como obxectivo celebrar a vida e obra do escritor ourensán (1941-2002), na clave dun percurso vital, unha viaxe polo tempo e polo espazo. Carlos Casares é considerado como unha das figuras máis singulares e renovadoras da nosa literatura, protagonista do día das Letras Galegas 2017. Itinerará por outras vilas vinculadas ao escritor.

MiiC é a primeira Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea de Galicia, comisariada por Matilde Rodríguez. Unha exposición colectiva de máis dun centenar de pezas representativas do que se está a facer dentro da área da ilustración de vangarda a nivel mundial, que podes ver na sala de exposicións do Auditorio e descargar a app Miic auditorio.

Artistas e proxectos que participan: Guía Ninja do Ilustrador (AGPI) / Cinta Arribas / Carlos Arrojo / Arnal Ballester / Gary Baseman / Los Bravú / Marina Capdevila / Eme / Cristóbal Fortúnez / Ilustradores a la mesa / IlustraDots / José Ja Ja Ja / Jano / Martin Jarrie / Martín López Lam / Pepe Medina / Sergio Mora / Nobrow / Sara Pazos / David Sierrra / Alberto Vázquez.

Cine
No Teatro Principal, no Ciclo de Cine Australian e con entrada libre previa retirada de localidades , proxectarase ‘Paper Planes’ (avións de papel), un drama inspirado en feitos reais. Dirixida por Robert Connolly e contará cun reparto formado por Sam Worthington, Ed Oxenbould, Deborah Mailman, David Wenham entre outros.

Direccións relacionadas



Compartir: