CONVIVENCIA

Máis de 500 nenos e nenas participan na I Gala pola Seguridade Viaria

05/06/2017 Máis de 500 nenos e nenas de diferentes colexios de Santiago participaron este luns na I Gala pola Seguridade Viaria, organizada polo Departamento de Educación Viaria da Policía Local. Foi un evento de carácter lúdico, no que a través do humor se incidiu nas boas prácticas que todos e todas debemos ter como peóns e como condutores.

A I Gala pola Seguridade Viaria estivo dirixida ao alumnado de 4º de Primaria que vén participando no programa de formación impulsado pola Policía Local, e polo que pasaron máis de mil nenos e nenas. O espectáculo estivo conducido por Teatro Ghazafellos, e contou tamén con improvisacións escénicas de Lucecús Teatro relacionadas coa seguridade viaria.

Diplomas e premios
No transcurso da gala, os nenos e nenas asistentes recibiron os seus diplomas pola participación nas accións formativas impartidas polo Departamento de Educación Viaria da Policía Local. Tamén se fixo entrega dos premios ás gañadoras do concurso de debuxo convocado pola Policía Local para elixir os lemas dunha campaña que se porá en marcha proximamente. As catro autoras dos traballos recibiron cadansúa bicicleta, co correspondente casco.

A I Gala pola Seguridade Viaria pechouse coa intervención do alcalde, Martiño Noriega, que agradeceu o traballo do Departamento de Educación Viaria da Policía Local, en especial da súa responsable Diana Parente. Tamén animou os nenos e nenas a respectar todas as normas que lles veñen ensinando no programa formativo, porque está en xogo a súa seguridade e o futuro de todos e todas.

Compartir: