COMERCIO E LINGUA

Arranca o V Concurso de Publicidade Comercial en Galego para fomentar o uso da lingua no pequeno comercio da cidade

01/06/2017 A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, presentou esta mañá a quinta edición do Concurso de Proxectos de Publicidade Comercial en Galego, un certame que pretende ser "un incentivo para a galeguización da comunicación entre as empresas e o público e tamén un recurso para promover a calidade e a creatividade nesa comunicación".

Este concurso pretende impulsar esa coherencia entre a publicidade e o trato directo, coherencia lingüística que, por outra parte, concorda perfectamente coas recomendacións que dende outros ámbitos se difunden a respecto de como deben presentar a súa oferta as empresas.

Neste sentido, "o galego tamén é unha fonte para a creatividade, un potencial que pode ser explotado coa seguridade de que é a lingua que a maioría do público destinatario do noso comercio sente como máis propia", destacou a concelleira de Igualdade.

O Concurso de Proxectos de Publicidade Comercial é un certame aberto ao que se poden presentar os establecementos empresariais radicados en Compostela (de calquera ámbito, localización ou tamaño) e os profesionais da comunicación e a publicidade.

A titularidade do proxecto que presenten pode exercela calquera das dúas partes que o sosteñen pero, necesariamente, este ten que contar coa asociación de ambas. Non é preciso que formen ningunha UTE ou empresa, simplemente é necesario que o proxecto publicitario sexa para un negocio asentado en Compostela, que sexa viable, e que estea deseñado por profesionais.

Colaboración interempresarial
Deste xeito preténdese que as dúas caras imprescindibles para lograr campañas de calidade e atractivas se poñan en comunicación e cooperen. A finalidade é que planifiquen un bo proxecto de comunicación en galego, que sirva aos seus intereses económicos e, en consecuencia, se converta no mellor exemplo de que en galego se vende e que o galego vende. Por iso, o lema desta campaña é "Coa lingua conectas", precisamente para subliñar que o galego permite que nos comuniquemos mellor.

Os proxectos poden deseñarse para calquera formato e soporte, con absoluta liberdade creativa. Haberá dous premios dunha contía de 5.000 euros. O prazo para presentar os proxectos ao concurso remata o 30 de xuño. As bases poden consultarse no enderezo electrónico do Departamento de Comercio.

Documentos relacionados



Compartir: