PATRIMONIO

O Grupo de Cidades Patrimonio aproba o Plan Estratéxico 2017-2019

27/05/2017 A primeira tenente de alcalde, María Rozas, participou na Asemblea Xeral do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España, máximo órgano de goberno da entidade, celebrada en Eivissa. Na mesma aprobouse o Plan Estratéxico 2017-2019, que será a folla de ruta á que se irán sumando novos proxectos que se levarán a cabo nas 15 cidades que conforman o Grupo.

O Plan Estratéxico ten como alicerces fundamentais: a consolidación do Grupo como unha entidade de influencia e prestixio nos tres campos da súa actividade -patrimonio, turismo e cultura- ante entidades públicas e privadas nacionais e internacionais; a consolidación de marca Cidades Patrimonio como sinónimo de turismo cultural de calidade; afianzar o Grupo como entidade modelo na xestión do Patrimonio Mundial; reforzar a tarefa de divulgación do valor do Patrimonio Mundial entre os distintos colectivos sociais; e a xestión económico-financeira baixo os criterios de eficiencia e transparencia.

Ademais, a Asemblea aprobou a modificación dos estatutos do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade co obxectivo de facilitar a incorporación de entidades privadas no labor que desenvolve o Grupo na defensa e promoción das 15 cidades.

Doutra banda, deuse o visto bo a novas alianzas do Grupo coa Fundación ONCE, para facer as cidades accesibles, e con Marca España, para situar as 15 cidades como destinos culturas de excelencia, tarefa que se fai xa grazas a alianzas con Turespaña e Paradores.

Durante a Asemblea, aprobouse a posta en marcha dun grupo interno de traballo, presidido polo alcalde de Eivissa, Rafael Ruiz, co fin de preparar un borrador de actividades coas que conmemorar, durante o ano 2018, o 25 aniversario da creación do Grupo.

Tamén se comunicou que a presidencia do Grupo, a partir do 1 de xullo, será asumida pola cidade de Córdoba, na persoa da súa alcaldesa, Isabel Ambrosio.

A Asemblea, celebrada en Eivissa como cidade anfitrioa, estivo presidida polo alcalde de Eivissa, Rafael Ruiz, e pola alcaldesa de Córdoba, Isabel Ambrosio, en representación da actual presidenta, Elena Nevado, que por cuestións de axenda, non puido estar en Eivissa.

Ademais de María Rozas, en representación de Santiago e Compostela, na Asemblea participaron José Luis Rivas, alcalde de Ávila; Dolores Marín, alcaldesa de Baeza; Isabel Ambrosio, alcaldesa de Córdoba; Ángel Mariscal, alcalde de Cuenca; Rafael Ruiz, alcalde de Eivissa; Antonio Rodríguez, alcalde de Mérida; José Alberto Díaz, alcalde de San Cristóbal de la Laguna; Clara Luquero, alcaldesa de Segovia; Josep Félix Ballesteros, alcalde de Tarragona; Milagros Tolón, alcaldesa de Toledo; Antonia Olivares, alcaldesa de Úbeda; e a concelleira María Aranguren, en representación de Alcalá de Henares.

Compartir: