TURISMO

Máis de 20 locais ofrecen as Uñas de San Lázaro entre o 31 de marzo e o 3 de abril

28/03/2017 O día 31 de marzo comeza a tradicional festa gastronómica das Uñas de San Lázaro, que se prolongará ata o 3 de abril. Neste ano, por primeira vez, os establecementos nos que se pode degustar este prato típico e que participan nesta acción promocional contarán cun distintivo propio, deseñado a partires da colaboración entre Turismo de Santiago e a Asociación Hostelería Compostela para promocionar esta festividade, unha das máis antigas de Galicia.

Así, as Uñas de San Lázaro poderán tomarse en 23 locais, tres máis que o ano pasado. A maior parte dos establecementos, 14, atópanse no propio barrio de San Lázaro, onde se celebra a tradicional festa. Pero tamén participan outros nove restaurantes doutros barrios da cidade que se suman á iniciativa. Todos os establecementos participantes poden consultarse na web de www.semanasantasantiago.gal.

Co obxectivo de difundir esta festividade tradicional a través das redes sociais, organízase un evento na páxina www.facebook.com/TurismodeSantiago no que se agasallará cun menú de uñas para dúas persoas que se poderá tomar entre o 31 de marzo e o 3 de abril.

O evento chámase "Bautiza ao porquiño". O porquiño é o nova imaxe da Festa das Uñas, creada para identificar aos locais nos que se pode tomar este tradicional prato. As persoas interesadas en participar teñen que propoñer un nome para o porquiño. A persoa gañadora do menú será a que obteña un maior número de "me gusta" na súa proposta. O concurso remata o día 31 ás 12.00 horas.

Ademais, tamén para promocionar a festa a través das redes sociais, gravouse un vídeo no que se explica a receita tradicional, que se elabora con uñas de porco, bertóns, patacas e chourizo. O hashtag desta edición é: #uñas2017

Compartir: