TURISMO

Música, gastronomía e eventos para todos os públicos centran a programación para esta Semana Santa 2017

23/03/2017 A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, presentou esta mañá a programación que o Concello ten prevista para esta Semana Santa, acompañada polo representante da Xunta de Confrarías, Salvador Forján. Neste 2017 vólvese apostar por dous programas que tiveron grande éxito o ano pasado como "Santiago, paixón doce" e "De lugares e órganos".

A concelleira destacou que se trata dunha "programación transversal, froito do traballo dos departamentos de Acción cultural e Turismo co obxectivo de converter Santiago nun destino turístico de referencia durante estas datas". Marta Lois deu conta das actividades incluídas no folleto municipal, que ademais das accións propias organizadas polo Concello, incorpora as procesións da Xunta de Confrarías. "Así o fixemos xa o ano pasado" engadiu "como facemos con calquera actividade organizada pola sociedade civil".

A programación está pensada ademais non só para os veciños e veciñas da cidade, senón tamén para os e as que nos visiten nestas datas. Unha programación que vai máis alá do feito relixioso con actividades para todos os públicos.

Actividades gastronómicas
Un dos eixos da programación son as actividades gastronómicas que comezan o venres 31 de marzo coa tradicional Festa da Uña de San Lázaro. Dende o 31 ata o 3 de abril o barrio celebra a súa tradicional festa como antesala á Semana Santa. Inclúe a romaría na que se celebra a gran subasta das uñas. Ademais este ano participan un total de 23 restaurantes, non só do propio barrio senón tamén de fóra que ofrecen o tradicional plato da "Festa da Uña". A programación completa, tanto desta festa da uña como do resto de actividades pode consultarse na web www.semanasantasantiago.com

Outra das actividades gastronómicas que se desenvolverán é a que leva o nome de Santiago Paixón Doce. Santiago é unha cidade larpeira que destaca polos productos gastronómicos e que conta con doces receitas e sobremesas feitas de forma tradicional. A maiores das roscas e os ovos de Pascua, salientan algunhas propostas como tartas, conchas de Santiago, delicias monacais, rosquillas… e unha ampla variedade gastronómica. A segunda edición de "Santiago Paixón Doce", que se celebrará do 7 ao 17 de abril, contará con 29 locais participantes, nove máis que o ano pasado, que incluirán nas súas súas cartas produtos e preparacións doces tradicionais da Semana Santa.

Os doces típicos poderán tomarse como sobremesa ou incluso na propia barra dos restaurantes e cafeterías. Nesta segunda edición tamén se abriu a participación a outros locais como confeiterías, panaderías ou reposterías.

"Santiago Paixón Doce" está organizado conxuntamente por Turismo de Santiago e a Asociación Hostelería Compostela. O obxectivo do evento é triplo: dinamizar o consumo nos locais de Santiago durante a Semana Santa, consolidar a cidade como destino turístico gastronómico apoiándose nos produtos propios e elaboracións típicas de tempada, e poñer en valor a tradición larpeira da cidade máis aló da Tarta de Santiago. Na edición do ano pasado, concibida como un programa piloto, participaron 20 estabelecementos que serviron máis de 1.300 doces.

Música
A Semana Santa 2017 incorpora tamén unha chea de oferta musical cuxo epicentro son os concertos da Banda Municipal de Música e da Real Filharmonía en diversas localizacións da cidade como o Auditorio de Galicia, Teatro Principal ou a Igrexa de Bonaval.

Todo isto súmase á intensa actividade musical que ten lugar na nosa cidade nestas datas e que coincide con outros ciclos e estilos musicais. Ademais, o Concello organiza por segundo ano consecutivo e, dado o grande éxito da primeira edición, o ciclo De lugares e órganos que permitirá escoitar e gozar da música relacionada co patrimonio artístico da cidade xunto co coñecemento cultural máis profundo da colección organística de Compostela.

Para descubrir os vestixios dunha frutífera actividade arredor do órgano na cidade de Compostela e o rico legado organístico que aínda se conserva nela, propóñense novos itinerarios nos que descubrir algúns dos órganos que integran estas descoñecidas paisaxes. Nesta nova edición renóvase a oferta de espazos visitados: os órganos das igrexas da Compañía, de San Miguel dos Agros, de San Paio de Antealtares e de San Martiño Pinario.

Roteiros pola cidade
A Semana Santa é tamén un bo momento para visitar algún deses pequenos tesouros que esconde a cidade e que durante estas datas se mostran ao visitante cobrando unha dimensión e significado especial. Este ano ademais cun Tour gastronómico que consistirá nunha visita ao Mercado de Abastos con degustación. Será o mércores 12 e o sábado 15 e consistirá nun percorrido histórico polo recinto do mercado, as súas diferentes naves e os distintos postos a través do cal se poderán coñecer as súas distintas etapas e saberemos por que o de Santiago é hoxe un dos mercados máis diversos e interesantes de Galicia. O percorrido termina coa degustación dun viño galego e unha selección de produtos tradicionais.

Documentos relacionados



Compartir: