IGUALDADE

A Corporación compostelá reitera o seu compromiso coa igualdade no Día Internacional das Mulleres

08/03/2017 A praza do Obradoiro acolleu, neste 8 de marzo, a lectura dunha declaración institucional a cargo da concelleira de Igualdade, Marta Lois. No acto participaron concelleiros e concelleiras da Corporación, persoal municipal, medios de comunicación e veciños e veciñas.

O manifesto, que foi consensuado co resto de grupos de Raxoi, recolle datos que amosan a desigualdade que segue a existir entre homes e mulleres en moitos eidos, como por exemplo, a fenda salarial. "Sitúase nun 22,4% en Galicia, seis puntos por riba da media da Unión Europea, segundo o informe do Consello Galego das Mulleres do 2016", indícase na declaración.

Marta Lois amosou a importancia que teñen as administracións públicas para "facer fronte á discriminación e poñer todos os medios necesarios ao alcance para lograr unha igualdade plena".

Paro simbólico
Ademais das accións que se desenvolveron e se desenvolverán durante este mes de marzo, xunto coas actividades do propio Día Internacional das Mulleres, o Concello de Santiago vén de sumarse ao Paro Internacional das Mulleres. Así, o Departamento de Persoal animou ás traballadoras municipais a parar a súa actividade laboral de 12:00 a 12:30 horas como forma de protesta e reivindicación feminista.

Documentos relacionados



Compartir: