LINGUA

Dous nenos de nove anos e un de cinco, autores das cartas de Nadal máis imaxinativas e creativas

04/01/2017 O Correo do Nadal recolleu durante as pasadas semanas centos e centos de cartas escritas polos nenos e nenas de Santiago, dirixidas aos personaxes máxicos que cada ano lles traen os agasallos destas festas. Cumprindo o encargo que recibiran, os nenos e nenas foron escritores imaxinativos e tamén ilustradores creativos. Amosaron nos seus textos cales eran os regalos que agardan pero, tamén, contáronnos como era o Nadal cando os seus avós e avoas tiñan a súa idade. Foron moitos e moitas os que escribiron ao Apalpador, máis aínda aos Reis Magos e mesmo algún ao Pai Natal. E nas cartas que o Correo do Nadal tramitou ao seu destino destacou especialmente a proposta que recibiran de amar a lingua galega como se ama as árbores, que son únicas e irrepetibles.

Despois de lelas coidadosamente, os emisarios do mundo da Maxia, transmitíronlle ao Concello o resultado da escolla das tres cartas que recibirán directamente dos Reis Magos un regalo especial o día da cabalgata, para que continúen cultivando o galego tanto como o fixeron ata agora.

Nicolás Castro Martínez, o autor máis pequeno dos tres, con 5 anos, cóntanos como a súa avoa Gloria vivía o Nadal en Ourense: o seu avó levábaa a ver Beléns e os Reis Magos deixábanlle bonecas.

Lucas Martín Loureiro, con 9 anos, conta na súa carta o ben que o pasou o día anterior cando foi coa súa avoa Lía a buscar brión ao monte para facer a herba do Belén. Ela faloulle de como ía cantar polas portas dos veciños panxoliñas nestas datas cando era pequena e tamén nos dá un exemplo de panxoliña galega: "Vide ver o neno..."

Damián López Teo, de 9 anos, saúda os Magos do Nadal ofrecéndolles unha fermosa panxoliña inventada por el mesmo. Cóntanos como cando a súa avoa era cativa facía turrón e doces na casa, vivía o Nadal en familia e montaba o nacemento e tamén comían ameixas e polo da casa. Para finalizar querería que os Magos lle deixasen un libro de grande éxito nos pedimentos deste ano: Cinco horas con Mauro.

Os Magos tamén transmitiron a súa sorpresa e alegría por unha enorme e estupenda carta colectiva que recibiron da aula de 4 anos do CEIP Quiroga Palacios. Nela, vese como os pequenos e pequenas elaboraron as súas postais, que tamén nos achegan, a carón dos seus maiores que os acompañaron o día 16 de decembro na súa propia aula. Os Magos, interesados por este traballo colectivo aula-familia-Concello, en canto volvan das súas viaxes repartindo agasallos, parece ser que un emisario que vai achegar a Conxo para lles levar un galano.

O resto das máis de 1.000 cartas recibidas serán tamén contestadas persoalmente polos Magos do Nadal e os seus colaboradores. Nas próximas semanas irán chegando ás casas os sobres coa resposta para todos aqueles que puxeron o seu enderezo. Nelas irá outro anaquiño de ilusión para lembrar que debemos seguir cultivando o noso mellor agasallo: a lingua.

Compartir: