DEPORTE

Todo listo para a IV edición da San Silvestre compostelá, con saída e chegada no Obradoiro

20/12/2016 Quedan tan só 11 días para a última proba deportiva do ano, a popular San Silvestre compostelá, que se celebrará o próximo 31 de decembro a partir das 18:00 horas, con saída única para as categorías de escolares e persoas adultas. Así o anunciaron en rolda de prensa a concelleira de Deporte, Noa Morales, e o delegado en Santiago da Federación Galega de Atletismo, Iván Sanmartín.

Este ano, ao igual que o ano pasado, a saída e a chegada serán na praza do Obradoiro e o circuíto ten unha lonxitude de 5,5 quilómetros. A inscrición é gratuíta para a categoría de escolares (nados entre o 2002 e o 2007) e de 6 euros para a categoría de persoas adultas. Estará aberta ata o próximo martes 27 de decembro. A recollida de dorsais farase o 29 de decembro de 15:30 a 21:30 horas, o 30 de decembro de 11:00 a 21:30 horas e o propio día da carreira de 11:00 a 16:00 horas, nun lugar aínda por determinar.

Noa Morales destacou que "esta proba continúa co labor de concienciación sobre os beneficios que a actividade física regular provoca na mellora da calidade de vida da nosa veciñanza, tal e como se fixo no V Circuíto de Carreiras Saudables CorreSan, rematado o pasado 15 de outubro ".

Polo de agora hai case 500 persoas inscritas, pero estímase que o número final será superior a 2.000 atletas, semellante ás cifras do ano pasado nunha proba con grande éxito de público. Por iso, a concelleira de Deporte fixo un chamamento "á veciñanza e ás persoas que nos visiten para que se unan a esta festa do atletismo, o mellor broche de ouro para rematar o ano con bo pé".

O delegado da Federación Galega de Atletismo, Iván Sanmartín, destacou que "a principal novidade deste ano é a ampliación nun quilómetro e cen metros do circuíto tendo en conta a alta participación".

Premios
Como vén sendo habitual, haberá diversos premios ao finalizar a proba, que se entregarán en torno ás 19:15 horas. Destacan un trofeo para os e as tres primeiras clasificadas en cada unha das categorías (escolares e persoas adultas); premio de participación ao club de atletismo federado masculino e feminino con maior número de inscritas na proba de adultos e adultas; e premio de participación ao grupo popular, empresa, centro deportivo ou ximnasio con maior número de participantes inscritos.

Finalmente, haberá un premio ao mellor disfrace de grupo e ao mellor disfrace individual. A información máis detallada e actualizada pode atoparse na web da carreira: sansilvestresantiago.com.

Direccións relacionadas



Compartir: