POLÍTICAS SOCIAIS

O Concello súmase ao Día Mundial da Infancia con actos cos centros escolares

21/11/2016 A concelleira de Políticas Sociais, Diversidade e Saúde, Concha Fernández, presentou as actividades que organiza o Concello con motivo do Día Mundial da Infancia. Onte, 20 de novembro, cumpríronse 27 anos da Convención dos Dereitos da Infancia, un documento que foi referendado por practicamente todos os países do mundo, salvo Estados Unidos e Somalia, e que foi clave para o desenvolvemento dos dereitos das nenas e nenos nas últimas décadas. Para a concelleira, "o aniversario da aprobación deste texto ten que servir para poñer á infancia no centro do debate público, e para amosar que queda moito camiño por percorrer para que se respecten os dereitos das nenas e nenos".

Concha Fernández explicou que o acto central da conmemoración será un pleno infantil que se vai celebrar o día 24 de novembro ás 11:00 horas e que estará presidido polo alcalde, Martiño Noriega. O obxectivo é "darlle voz aos nenos e nenas, para que poidan achegar a súa visión de como a Convención dos Dereitos da Infancia se ve reflectida na súa vida diaria e na de millóns de nenos que se atopan en países en vías de desenvolvemento".

Ademais, con esta actividade preténdese achegar aos/ás menores o día a día das institucións públicas da súa localidade para que se vexan amplamente representados/as e que conten co tempo suficiente para poder expoñer as súas ideas. Asistirán 25 nenos e nenas de 6º de primaria dos CEIPs López Ferreiro e Monte dos Postes, que xa están preparando a actividade en colaboración con Unicef.

Ademais, xunto coa Asemblea de Cooperación pola Paz, realizarase un obradoiro creativo de televisión e vídeo sobre os dereitos da infancia con nenos e nenas de 6º de primaria, con dúas sesión por cada centro. Tamén haberá unha xincana con Cruz Vermella que terá como temática os dereitos da infancia, e que está dirixida ao alumnado de 6º de primaria.

O luns 28 de novembro, Médicos sen Fronteiras achegaranlle aos máis pequenos e pequenas a situación das persoas refuxiadas mediante unha adaptación de tres historias que nos achegan o mundo dunha nena nun campo de refuxiadas. Esta obra leva por título Chámanme refuxiada. As historias tratan de transmitir valores como a educación para a paz, a importancia de compartir e de aceptar e valorar persoas de diferentes clases, relixións, nacionalidades e ideoloxías.

Refuxiados sen camiño
A exposición do fotoxornalista Gabriel Tizón percorrerá os centros escolares de Compostela para que os nenos e nenas coñezan máis da situación das persoas refuxiadas. Trátase dun total de 25 paneis (en formato 60/40) que amosarán fotografías do fotoxornalista durante o seu traballo nos campamentos de refuxiados de Idomeni (Turquía). Na súa presentación, Tizón asegurou que "en toda a súa vida como fotógrafo nunca vira o que vivín estas semanas nos campos de refuxiados".

Compartir: