TURISMO

Lufthansa anuncia novas conexións dende Santiago con Frankurt e Múnich

16/11/2016 Lufthansa aposta por Galicia contribuíndo ao desenvolvemento actual do aeroporto de Santiago con catro novos voos semanais. A aerolínea xermana conectará Santiago de Compostela tres veces por semana co seu hub internacional de Frankfurt e unha vez por semana co de Múnich. Desta forma, promoverá o tráfico de pasaxeiros de entrada e saída, mellorando así as conexións entre Galicia e os seus destinos en todo o mundo.

Dende Frankfurt, os voos despegarán os luns e xoves ás 09:35 h e os venres ás 09.30, e chegarán a Santiago ás 12:15 h. Os voos de regreso sairán dende Santiago ás 13:35 h e chegarán a Frankfurt ás 16:00h. Dende Múnich, os voos despegarán os domingos ás 08:00 h e chegarán a Santiago ás 10:50 h. O regreso partirá o mesmo día ás 11:40 h e chegará á capital bávara ás 14:20 h. Lufthansa operará as novas rutas a Santiago con modernos avións Airbus A321, con capacidade para 319 pasaxeiros distribuídos en dúas clases de servizo, Business e Economy Class. A compañía xermana ofrece catering gratuíto a todos os seus pasaxeiros en todos os seus voos.

O aeroporto de Frankfurt é o maior de Alemaña e un dos hubs máis importantes do mundo. Trátase do maior hub de Lufthansa e ofrece aos seus visitantes todo tipo de servizos, instalacións e eventos. O hub de Frankfurt ofrece 165 destinos en 73 países durante a temporada de inverno 2016/2017. Por outro lado, o aeroporto de Múnich é un dos máis grandes de Alemaña, ademais dun dos hubs máis importantes de Lufthansa. Brinda durante este inverno un total de 118 destinos en 45 países e foi galardoado este ano por Skytrax como mellor aeroporto de Europa por terceiro ano seguido.

Os novos voos de Lufthansa complementan perfectamente a oferta actual de Swiss, membro de Lufthansa Group, que ofrece tres voos semanais dende Santiago ao seu hub de Zúrich. O Grupo Lufthansa ofrece así óptimas conexións dende Santiago con destinos intercontinentais como Bangkok, Hong Kong ou Johannesburgo, entre outros, así como con destinos europeos como Budapest, Viena, Sofía, Gotemburgo, Copenhague, Bruxelas ou Cracovia.

A concelleira de Turismo de Santiago, Marta Lois, agradeceu a aposta de Lufthansa polo aeroporto de Santiago nunha rolda de prensa celebrada no Pazo de Raxoi. Segundo apuntou, a chegada da compañía xermana supón un novo paso adiante do aeroporto, que servirá para consolidar as boas cifras que se están conseguindo neste ano 2016, no que o tráfico está en máximos históricos e roldará os dous millóns e medio de pasaxeiros.

Segundo Marta Lois, a chegada de Lufthansa ao aeroporto de Santiago é moi importante para a cidade, polo menos por tres razóns fundamentais: permite mellorar dun xeito moi significativo a conectividade de Santiago co mercado alemán, que é un dos principais mercados turísticos para a cidade, con máis de 70.000 pernoctacións no 2015 nos hoteis da cidade; permite mellorar a conectividade con múltiples destinos europeos e mundiais, grazas a ampla rede de rutas que ten Lufthansa nos seus hubs de Frankfurt e Munich; e dá un novo prestixio ao aeroporto de Santiago grazas á chegada dunha compañía de bandeira europea, que pode servir de imán a outras compañías a medio prazo.

Marta Lois tamén apuntou que Turismo de Santiago aumentará as súas accións de promoción no mercado xermano de cara ao 2017, que xa é dende hai anos un dos mercados prioritarios para a entidade municipal de promoción turística, con múltiples accións dirixidas especificamente a atraer turistas alemáns.

Ademais, tamén fará fincapé nas súas accións de promoción en múltiples mercados das posibilidades que ofrece Lufthansa para chegar a Santiago a través dos seus hubs en Frankfurt e Múnich. Un dos obxectivos prioritarios destas accións de promoción será colaborar con Lufthansa na súa consolidación no aeroporto de Santiago.

Compartir: