EDUCACIÓN E CIDADANÍA

"Starcach", "Ser docente a través da arte" e "Dimenome" gañan os IX Premios Educacompostela

09/11/2016 O concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, deu conta hoxe dos tres traballos gañadores da novena edición dos premios Educacompostela, convocados polo Concello de Santiago en colaboración co Movemento de Renovación Pedagóxica Nova Escola Galega, para recoñecer, promover, premiar e difundir publicamente aqueles materiais educativos que polo seu valor e interese poidan contribuír ao desenvolvemento educativo de Galicia, favorecendo a innovación, a calidade na educación e a renovación pedagóxica.

Manuel Dios destacou "a importancia destes premios, que se recuperaron o ano pasado despois de un lustro sen convocarse". Están valorados en 2.700 euros, de tal xeito que 1.200 son para o primeiro premio, 900 para o segundo e 600 para o terceiro.

O xurado, que fallou o premio o pasado 3 de novembro, estivo formado por: Manuel Dios Diz, concelleiro de Educación; Xosé M. Rodríguez-Abella, xefe do Servizo de Educación e Cidadanía; Sonia Fernández, de Nova Escola Galega; Mª Camino Pereiro, tamén de Nova Escola Galega; Jesús Rodríguez, do Departamento de Pedagoxía e Didáctica da USC; Victoria Penide, do Departamento de Formación e Innovación de Santiago, CAFI; Xosé Ballesteros Rei, presidente da Asociación Galega de Editoras; e Beatriz Varela, técnica de Educación e Cidadanía, que actuou como secretaria.

"Starcach"
Este traballo, presentado polo IES A Cachada de Boiro (A Coruña) recibiu o primeiro premio de Educacompostela. O curado valorou este traballo pola temática que trata e pola diversidade de recursos educativos que propón. Considerouse especialmente relevante a fundamentación que mostra o proxecto e o grao de implicación do alumnado no seu desenvolvemento. Cómpre destacar igualmente a atención prestada á fenda de xénero no contexto dixital.
O xurado tamén subliña as respostas que ofrece o material para promover o uso e difusión da lingua galega a través dos videoxogos, a robótica e os medios audiovisuais, así como a utilización das redes sociais con fins creativos. Valorouse especialmente o esforzo por crear sinerxias con outros centros educativos de Galicia para o desenvolvemento do proxecto.

"Ser docente a través da arte"
O segundo premio foi para o colectivo E.S.G.A.Z.A.D.O.S.", formado por Vicente Blanco Mosquera, Salvador Cidrás Robles e Rocío Modia Vázquez. Este traballo foi destacado polos membros do xurado pola súa orixinalidade e polo esforzo por crear pontes entre a práctica docente e a creación artística.

Os materiais presentados no proxecto promoven o pensamento crítico para poder cuestionar os nosos propios roles e en que medida son froito da elaboración persoal ou unha imposición sociocultural. Valorouse o desenvolvemento desta iniciativa, especialmente nun momento no que a creación artística amósase desvalorizada no currículo escolar.

"Dimenome"
Presentado por Silvia López Gómez, este traballo recibe os 600 euros do terceiro premio. O curado destaca o deseño coidado e pedagóxico do material e as posibilidades que ofrece de traballar en diversos contextos e públicos diversos, así como o seu carácter manipulativo.

Outro dos valores son as posibilidades que ofrece a proposta para traballar con alumnado con diversidade funcional en contextos "formais" e "non formais". Tamén salienta a adaptación do material ao contexto galego, o que se ve reflectido na súa proposta de actividades e nas imaxes ofrecidas.

Mención especial
Ademais dos tres premios, houbo unha mención especial ao traballo Vivenciando a Idade Media. Unha viaxe dende os xéneros dialogados medievais "A regueifa", presentado por Tania Vázquez García. Este traballo é destacado polos membros do Xurado pola orixinalidade e innovación á hora de tratar a Idade Media na etapa de Bacharelato na materia de Lingua e Literatura Galega.

O material ofrece un número interesante de propostas e iniciativas co fin de construír coñecementos históricos a partir da literatura, así como a relacionar a literatura coas manifestacións máis próximas aos adolescentes, mediante o estudo das influencias da lírica medieval noutros ámbitos culturais.

Compartir: