MEDIO AMBIENTE

Xornadas micolóxicas no Centro de Interpretación de Parques e Xardíns de Belvís

07/11/2016 O Centro de Interpretación de Parques e Xardíns (CIPX) de Belvís organiza unhas xornadas sobre micoloxía os días 18, 19 e 26 de novembro. Dirixidas a todos os públicos, as actividades teñen prazas limitadas.

O programa arrancará o venres 18, de 16:00 a 17:30 horas, dende o propio CIPX, cunha visita micolóxica aos parques de Compostela na procura de cogomelos. Logo, tamén nas instalacións de Belvís, de 18:00 a 19:30 horas, charla de introdución á micoloxía a cargo de Julián Alfonso Díaz, presidente da asociación Micolucus.

Estas dúas actividades están destinadas a tódolos públicos, pero os menores de idade deberán acudir acompañados dun adulto responsable. As prazas son limitadas, polo que é preciso inscribirse previamente.

Obradoiros infantís
Estas xornadas tamén inclúen dous obradoiros infantís, que se celebrarán os sábados 19 e 26 de novembro, de 11:00 a 13:30 horas. O primeiro está destinado a rapaces e rapazas entre 6 e 10 anos e o segundo a público infantil de 11 a 14 anos. Os/as asistentes aprenderán a recoñecer os cogomelos, sairán polo parque de Belvís e participarán en xogos ambientais en torno ao mundo dos cogomelos.

Os/as inscritos/as deberán deixar os seus datos, xunto co teléfono dun adulto responsable ao que poder localizar en caso de calquera incidencia. As prazas son limitadas a 20 nenos/as por obradoiro, polo que é preciso inscribirse previamente.

Compartir: