POLÍTICAS SOCIAIS

Compostela acollerá a I Xornada sobre a situación das persoas sen fogar

24/10/2016 Esta mañá, a concelleira de Políticas Sociais, Diversidade e Saúde, Concha Fernández, presentou en rolda de prensa a I Xornada sobre a situación das persoas sen fogar, que se celebrará este xoves 27 de outubro no Salón de Actos da Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela (praza de Mazarelos, s/n). Na rolda, a concelleira estivo acompañada por Santiago López Insua, coordinador de Cruz Vermella en Santiago; Patricia Camiña, responsable do Centro Vieiro de Cáritas en Compostela; Sor Esther Seoane, directora da Cociña Económica; e Antonio Hernández, director de Feafes Galicia; as catro entidades que conforman a Mesa de Traballo para o estudo da situación das persoas sen teito – transeúntes, encargadas de xestionar, dende a súa posta en marcha hai un ano, os recursos deste ámbito na cidade, baixo as directrices da Concellaría.

A xornada ten como finalidade principal xerar un espazo para o achegamento de experiencias, moitas delas en primeira persoa, sobre a situación das persoas sen fogar en Compostela, así como amosar diferentes iniciativas políticas e sociais que se están levando a cabo a nivel galego e estatal para a atención e xestión desta problemática. O público destinatario serán profesionais e persoal voluntario de institucións e iniciativas relacionadas coa atención a persoas sen fogar, así como estudantes do eido social e comunitario. De momento están inscritas 144 persoas e aínda quedan arredor de 20 prazas para asistir á xornada, que é de balde previa inscrición a través deste formulario. O prazo para inscribirse remata este mércores 26 de outubro.

A concelleira explicou que "a situación das persoas sen fogar e as problemáticas que estas persoas levan asociadas, en exclusión social e coa carencia dunha rede sociofamiliar supoñen a procura de modos alternativos de solución" e recordou que neste último ano o Concello de Santiago está traballando intensamente dende a Mesa, que se reúne cada 15 días para poñer en marcha, en colaboración con entidades sociais da cidade, a coordinación do traballo necesario para atallar todos os frontes que afectan a esta problemática tan complexa; como os equipos de rúa de Cruz Vermella e os pisos de saída que seguen o modelo "housing first" e que está xestionando Feafes". Sobre este asunto, Antonio Hernández, director de Feafes Galicia, confirmou que xa hai dúas persoas vivindo nun dos pisos e que, con toda seguridade, o próximo mes se incorporarán outras dúas persoas ao segundo piso".

Todos os integrantes da mesa presentes na rolda coincidiron en sinalar a necesidade de traballar conxunta e coordinadamente dende todas as entidades para abordar todas as situacións de exclusión, porque é o único modo de conseguir resultados e solución aceptables. Tamén recordaron todos que un dos obxectivos desta xornada é sensibilizar á sociedade sobre un problema moi complexo que, en palabras de Patricia Camiña, de Centro Vieiro-Cáritas, "ten detrás historias de vida e situacións das que as persoas que as padecen non son moitas veces responsables e polo tanto hai que evitar estigmatizar e criminalizar". Neste sentido, Sor Esther Seoane, da Cociña Económica, dixo que "o obxectivo é lograr que estas persoas recuperen a dignidade e podan vivir como cidadáns de pleno dereito".

Profesionais de referencia
O programa da xornada contempla a participación de profesionais de referencia no estudo e asistencia do senfogarismo a nivel estatal. A sesión inagural correrá a cargo do alcalde da cidade, Martiño Noriega, e a continuación José Manuel Caballol, presentará a experiencia Housing First do programa Hábitat da Fundación RAIS, un modelo innovador que plantexa unha forma diferente de afrontar o senfogarismo: facilitar vivendas accesibles e con carácter permanente ás persoas sen fogar que se atopan en peor situación, seguindo outras experiencias europeas que xa están dando resultados. Este ano puxeron en marcha 38 vivendas en Málaga, Barcelona e Madrid baixo os principios deste modelo.

Aínda na sesión matinal da xornada presentarase o traballo que realizan en Compostela diferentes entidades como a Cociña Económica, Centro Vieiro, o Albergue Xoán XXIII, Cruz Vermella e Feafes, a través da Mesa de Traballo para o estudo da situación das persoas sen teito – transeúntes e dos recursos en Santiago de Compostela.

A continuación, desenvolverase unha sesión na que se presentarán experiencias de entidades procedentes doutras vilas, na que participarán Pepa Vázquez, do Colectivo Boa Vida de Pontevedra, e Sandra Pérez Portabella, da Arrels Fundaciò de Barcelona, unha das organizacións con máis experiencia a nivel estatal en relación á problemática das persoas sen fogar, e que leva traballando dende 1987, atendendo dende entón a máis de 9.000 persoas. Tamén estarán nesta mesa Carla Leiras, do Foro Socioeducativo Os Ninguéns de Vigo; e Iria Gippini, de Médicos do Mundo.

A terceira mesa da mañá achegaranos á situación das persoas sen fogar dende a perspectiva da saúde mental. Ramón Ramos, vogal da Asociación Galega de Saúde Mental será o encargado de presentar as exposicións de Lucia del Río, psiquiatra da Xerencia de Xestión Integrada do CHUS, e de Rubén de Pedro, responsable da Rede de saúde Mental de Bizkaia.

A sesión da tarde comezará cunha visión dende a educación social especializada coa intervención de Antón Bouzas, membro da xunta directiva do CEESG (Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia), que presentará a experiencia dos Sereos do casco vello de Vigo. Na segunda mesa da tarde analizarase o tratamento do senfogarismo por parte da sociedade e dos medios de comunicación. Lagarder Danciu fará unha exposición sobre a "Criminalización da pobreza e visibilidade do senfogarsimo: redes sociais e medios de comunicación". Lagarder é un "activista da pobreza", como el mesmo se denomina, e fai un gran esforzo por denunciar a situación das persoas sen fogar, especialmente nas redes sociais.

A seguir, dentro da mesa Experiencias en primeira persoa, contaremos cos testemuños que nos relatará María Teresa Patiño, presidenta da Asociación Boa Vida de Pontevedra, xa que un obxectivo desta xornada é darlle voz a estas persoas e visibilizar a súa situación. A xornada rematará cun Cine Forum no que se proxectará o documental Primero la casa, realizado polo programa Crónicas de RTVE.

O perfil das persoas sen fogar
A respecto do conxunto do Estado, o perfil das persoas sen fogar é o dun home –o 90% son homes fronte a un 10% de mulleres- de 58 anos de esperanza media de vida, e uns 42 anos de media de idade. O 50% teñen fillos e o 44,5% leva mais de tres anos sen aloxamento propio. O 54% son españois, o 50% busca traballo, o 60% ten estudios de educación secundaria e o 12% estudos superiores. O 50% foi vítima dalgún delito ou agresión, o 20% non teñen tarxeta sanitaria e polo menos un 23% teñen algún tipo de discapacidade, segundo evidencia un estudo realizado por RAIS Fundación para Fundación ONCE que sinala que esta cifra é cinco veces superior á rexistrada entre a cidadanía xeral de idade similar.

AVISO: Mañá xoves remitirase nota de prensa arredor das 18:00 horas.

Direccións relacionadas



Compartir: