TURISMO

Turismo de Santiago de Compostela participou na feira JATA de Tokio

27/09/2016 Turismo de Santiago-Incolsa participou na JATA Tourism Expo Japan 2016, a mostra de turismo máis importante do país nipón, que se celebrou entre o 23 e o 25 de setembro en Tokio e está organizada pola Asociación Xaponesa de Axencias de Viaxes. Esta feira reúne aos principais profesionais do sector turístico xaponés, turoperadores, axentes de viaxes, xornalistas especializados e tamén publico final.

A participación de Santiago nesta feira foi dobre, cun mostrador promocional de Turismo de Santiago, no stand de Turespaña e cun stand conxunto de Santiago e Tanabe en virtude do acordo de cooperación conxunta entre ambas cidades para promocionar o Camiño de Santiago e o Camiño de Kumano en Xapón. Nesta edición o protagonista foi o Pasaporte Dual que promove a realización das dúas rutas de peregrinación.

Ademais, Santiago tamén estivo presente no mostrador do Grupo de Cidades Patrimonio no stand de España e tivo presenza nos mupis publicitarios dos corredores centrais da feira a través das campañas específicas da cidade e do Camiño de Santiago en colaboración con Turespaña.

O día inaugural da feira, a Oficina Española de Tokio organizou un workshop dirixido aos principais turoperadores, axentes de viaxes e xornalistas xaponeses que traballan co destino España. Neste encontro, Turismo de Santiago presentou a oferta da cidade, baseada no patrimonio histórico, a espiritualidade, a cultura e a gastronomía.

Compartir: