EMPREGO E MEDIO AMBIENTE

O Concello continúa o acondicionamento das Brañas de Sar grazas ao obradoiro de emprego Ecotur Xuvenil II

27/09/2016 Os concelleiros de Desenvolvemento Económico e de Medio Ambiente, Marta Lois e Xan Duro, visitaron esta mañá os traballos que se están a levar a cabo nas Brañas do Sar grazas ao Obradoiro de Emprego Ecotur Xuvenil II, que se desenvolve dende o 1 de setembro deste ano ata o 28 de febreiro de 2017. Alí, fixeron un percorrido pola zona na que se está a traballar e saudaron aos/ás participantes no programa. O obradoiro de emprego Ecotur Xuvenil II está subvencionado polo Fondo Social Europeo (FSE).

Este obradoiro é a continuidade dos traballos levados a cabo o pasado ano por 32 persoas menores de 30 anos e desempregadas no acondicionamento das sendas peonís de Galeras a Ponte Albar (a rota dos ríos de Brañas do Sar), nas que se actuou sobre 33 hectáreas de terreo. Nesta ocasión, o obradoiro centrarase no acondicionamento do sendeiro peonil do Sar ao seu paso polo Parque Granell e Novo Milenio en dirección ás Pontes de Conxo, cunha duración prevista de seis meses e dúas especialidades formativas: instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes e colocación de pedra natural.

En total son 15 alumnas e alumnos os seleccionadas para traballar en ambas especialidades, con tres persoas de persoal docente e de xestión. O obradoiro ten un orzamento de 181.651,48 euros, dos cales 50.000 son aportados polo Concello de Santiago e o resto provén dunha subvención da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Marta Lois destacou que con esta actuación "somos quen de incidir en dous eixos, como son a rehabilitación ambiental e o emprego". Para a concelleira, "este tipo de programas formativos son fundamentais, non só para empregar a persoas mozas en situación de paro durante seis meses, senón porque durante o tempo de celebración deste obradoiro van adquirindo habilidades e ferramentas que os axudarán a atopar un emprego á maior brevidade".

Pola súa banda, Xan Duro amosouse "moi satisfeito" por continuar traballando nunha zona de grande interese medioambiental e lembrou que "o Goberno municipal leva traballando moi especialmente durante este ano na mellora ambiental da zona da Pontepedriña, como podemos ver tamén nas hortas urbanas, que están a ter un grande éxito entre os veciños e veciñas da zona".

Actuacións
Realizaranse rozas e podas selectivas, eliminación de especies invasoras, consolidación de seccións do sendeiro, saneamento e drenaxe, encanamento de regueiro en pedra, restauración de presa, canles e pontes, lousado de pedra de granito sobre base flexible ou colocación de sumidoiros, arquetas e outros elementos auxiliares ao camiño.

Compartir: