ALCALDÍA

Asinado o convenio entre o Concello de Santiago e a Deputación da Coruña para o financiamento do Womex 2016

25/08/2016 O alcalde de Santiago e a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, asinaron esta mañá o convenio de colaboración entre o Concello e o organismo provincial para o financiamento do Womex 2016. O acordo supón que a Deputación fará unha achega de 215.000 euros para a celebración da feira, en dous prazos.

A achega da Deputación da Coruña supón o 70% do orzamento total do Womex. A aportación da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, é de 100.000 euros, mentres que o Concello suma 185.000 euros máis. O alcalde compostelán agradeceu o apoio da institución provincial para un evento que, "ademais de ter un importante impacto económico, supón un escaparate para a música galega".

Pola súa parte, Goretti Sanmartín salientou que "case a metade da achega da Deputación ao Womex está destinada a recursos humanos, porque esta feira permitirá crear moitos postos de traballo". Ademais, tanto Martiño Noriega como a vicepresidenta da Deputación mostraron o seu convencemento de que a edición de 2016 superará as cifras o Womex 2014, que tamén se celebrara en Santiago e que fora todo un éxito.

O Womex, que terá lugar do 19 ao 23 de outubro, é a maior feira mundial do sector das músicas do mundo. Inclúe unha feira profesional e uns 60 concertos, a maioría deles abertos ao público, ademais de relatorios e proxeccións de filmes, entre outras actividades. A edición de 2014 en Compostela foi todo éxito, coa participación de 2.400 delegados/as e 1.470 empresas de 90 países. Na feira participaran 668 exhibidores de 47 países, e lográrase un récord de 280 stands. Ademais, o Womex 2014 tivera un importante impacto económico na cidade. O 90% do orzamento do festival investírase en empresas locais, o que supuxo a creación de máis de 400 postos de traballo directos e indirectos.

Compartir: