TURISMO

A cidade vive o mellor mes de xullo en pernoctacións da última década polo crecemento do turismo doméstico

24/08/2016 Os datos do INE do mes de xullo confirman a boa evolución do sector turístico na cidade en relación ás pernoctacións. En especial, confirman a recuperación da demanda doméstica, que sufriu un claro retroceso e estancamento dende o comezo da crise económica no 2008. No pasado mes sumáronse 172.842 pernoctacións, cun crecemento do 12,79% respecto ao mes de xullo do ano pasado. É a mellor cifra de pernoctacións no mes de xullo da última década, por riba das cifras do Ano Santo 2010, cando houbo 151.609, e de xullo do ano pasado, cando se chegou a 153.241.

O crecemento do pasado mes de xullo apoiouse na recuperación da demanda doméstica, que creceu máis dun 20% e achegouse por primeira vez dende xullo do Ano Santo ás 100.000 pernoctacións. Foron 97.058, unha cifra que amosa tanto o atractivo das Festas do Apóstolo coma o impacto de actividades promocionais como Compostela, destino cinco estrelas, organizada pola Asociación Hostalería Compostela coa colaboración de Turismo de Santiago na primeira quincena do mes.

O turismo internacional tamén continuou crecendo no pasado mes de xullo, chegando xa ata as 75.784 pernoctacións, a mellor cifra de pernoctacións internacionais nun mes de xullo da historia. Trátase dun crecemento do 3,61% respecto a xullo do ano pasado, e do 33,16% respecto a xullo do Ano Santo 2016, unha evolución que amosa o camiño cara a internacionalización da demanda turística que está seguindo a cidade.

Os datos de xullo confirman a evolución positiva da demanda turística no 2016. Nos sete primeiros meses do ano, Santiago suma xa 723.715 pernoctacións, das cales 380.251 foron de turistas domésticos e 343.464 de turistas internacionais. É a primeira vez que se superan as 700.000 pernoctacións neste período, salvo o Ano Santo 2010. Estes datos van na liña do obxectivo de Turismo de Santiago para o conxunto do 2016 de superar as 1.300.000 pernoctacións por primeira vez nun ano non Santo.

Documentos relacionados



Compartir: