DESENVOLVEMENTO ECONÓMICO

Santiago acollerá en xuño a 19ª Conferencia Europea de Matemáticas para a Industria

23/05/2016 A concelleira de Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, presentou no Pazo de Raxoi a 19ª Conferencia Europea de Matemáticas para a Industria (ECMI 2016), congreso europeo que se celebra cada dous anos e no que se presentan os avances máis importantes en matemática aplicada á industria, reunindo a representantes do ámbito científico, universitario e industrial de todo o continente.

Marta Lois estivo acompañada por Peregrina Quintela, presidenta do Comité Organizador do ECMI 2016 e catedrática de Matemática Aplicada na USC; Alfredo Bermúdez, presidente do Comité Científico do ECMI 2016 e catedrático de Matemática Aplicada na USC; María Dolores Gómez, directora do Departamento de Matemática Aplicada na USC; e Jorge Mira, catedrático de Electromagnetismo e moderador dunha sesión divulgativa do Congreso.

O ECMI 2016 celebrarase entre o 13 e o 17 de xuño e terá as súas sedes nas facultades de Matemáticas e Bioloxía do Campus Vida da USC. Actualmente xa se inscribiron máis de 350 investigadores e investigadoras procedentes de preto de 40 países. Aínda que a maioría son de Europa, con representantes de 26 países do continente, tamén hai participación de persoas procedentes de EEUU, Canadá, México, Nixeria, Sudán, Tanzania, Uganda, China, India, Israel, Filipinas e Xapón.

A matemática aplicada refírese a aqueles métodos e ferramentas matemáticas que poden empregarse na análise e solucións de problemas pertencentes ás áreas das ciencias aplicadas ou sociais. Nos últimos anos estase vivindo un profundo cambio na aplicación da técnica e a metodoloxía matemáticas, repercutindo directamente na solución de cuestións propias doutros ámbitos científicos.

Así, problemas científicos de notable impacto social como a predición do tempo e o clima, o tratamento de imaxes, a fabricación e reciclaxe de plásticos e vidros, a tecnoloxía dos semicondutores ou as novas técnicas financeiras, implican un tratamento matemático e unhas necesidades de cálculo moi sofisticadas que precisan da investigación matemática e o desenvolvemento da súa aplicación.

Neste sentido, a Universidade de Santiago é unha referencia internacional no ámbito das matemáticas. Por exemplo, segundo o Ranking do US News Best Global Universities, os investigadores de Matemáticas da Universidade de Santiago son os máis destacados das universidades españolas e sitúanse no posto 49 de entre as 750 universidades de todo o mundo analizadas.

A elección do Departamento de Matemática Aplicada da USC para organizar o ECMI 2016 é unha mostra do recoñecemento internacional que ten a Facultade de Matemáticas da USC. Toda a información pode consultarse na web: www.usc.es/congresos/ecmi2016.

Compartir: