ACCIÓN CULTURAL

A concelleira Branca Novoneyra reincorpórase á actividade municipal

22/09/2017 A concelleira de Acción Cultural compareceu hoxe ante os medios de comunicación para informar da súa plena reincorporación á actividade municipal despois de ter superado unha grave enfermidade. Branca Novoneyra estivo acompañada polo alcalde, Martiño Noriega, que mostrou a satisfacción do Goberno polo regreso da edil, "tanto pola alegría que supón a súa recuperación física, como polo que suporá para a dinámica do traballo".

Branca Novoneyra quixo expresar o seu agradecemento "á toda a Corporación municipal polo seu apoio, e aos compañeiros e compañeiras do grupo de goberno" por ter asumido as súas competencias ao longo destes meses.

Liñas de traballo
A concelleira de Acción Cultural aproveitou a comparecencia para explicar cales son as liñas de traballo que quere reforzar nos próximos meses. Segundo apuntou, un dos seus obxectivos será manter "a posición de vangarda no eido da cultura que lle ten sido recoñecida a Santiago pola Comisión Europea, que lle outorgou o cuarto posto nun ranking no que se analizan ata 29 indicadores".

A edil apuntou a súa intención de aumentar a presenza de Compostela en foros internacionais "para divulgar a nosa axenda cultural, con especial atención ao Ano Internacional do Patrimonio que se celebra en 2018". Tamén adiantou que se aumentará a partida para o plan de axudas a entidades culturais por concorrencia competitiva.

Branca Novoneyra lembrou que a súa Concellaría tamén afronta "o reto de xestionar por primeira vez un proxecto cultural europeo en colaboración coa Concellería de Igualdade". Trátase do programa Wom@s, que ten como obxectivo loitar contra a desigualdade de xénero no ámbito das artes e da cultura, e que conta cun orzamento de algo máis de tres millóns de euros para unha rede de dez socios de oito países.

Compartir: