XUNTA DE GOBERNO

Iniciada a licitación da área de xogos de Outeiro de Sar

22/09/2017 A Xunta de Goberno aprobou hoxe a apertura do procedemento de adxudicación do subministro e instalación de elementos novos da área de xogos infantil do parque de Outeiro de Sar. Nesta actuación vanse investir máis de 145.000 euros.

O alcalde lembrou que este proxecto foi un dos seleccionados no proceso dos orzamentos participativos Compostela Decide. Martiño Noriega explicou que o parque infantil estará situado "nun terreo sen acondicionar que é de titularidade pública e está destinado a usos terciarios, na parte traseira do edificio de Consumo". Neste ámbito "non existen áreas de xogo para os nenos e nenas, tan só unha cancha deportiva que é empregada por un alto número de usuarios xuvenís".

Mellora do alumeado público
Tamén se aprobou o proxecto da Fase 4 do proxecto de mellora da instalación do alumeado público de Santiago. Trátase dunha das fases das actuacións que se están a levar a cabo grazas ao programa de axudas para a renovación do alumeado exterior municipal do IDAE, pola que o Concello compostelán recibiu unha achega de case 1,5 millóns de euros.

Nesta fase, vaise actuar no tramo da praza da Paz á praza de España; no tramo da rotonda do Castiñeiriño á rotonda da Pontepedriña; entre a rotonda do Hórreo e a rotonda de Romero Donallo; e entre a rotonda da praza de España e a avenida de Lugo. En total, mudaranse 429 luminarias, que permitirán un aforro de máis de 400.000 kw/hora, e de case 52.000 euros anuais. O investimento será de case 300.000 euros.

Campo de fútbol de Lamas de Abade
Na Xunta de Goberno de hoxe tamén se acordou iniciar o procedemento de adxudicación das obras de instalación de electricidade para o campo deportivo e vestiarios do campo de fútbol de Lamas de Abade. Estes traballos suporán un investimento dalgo máis de 100.000 euros

Documentos relacionados



Compartir: