PLENO

A Casa das Mulleres levará o nome de Xohana Torres

21/09/2017 A Casa das Mulleres, que se está a acondicionar no antigo local de Emuvissa, levará o nome de Xohana Torres. A decisión estaba adoptada dende hai meses, e fóralle xa comunicada á escritora antes do seu falecemento, o pasado 12 de setembro.
Así se recolle na declaración institucional aprobada no Pleno de hoxe, na que os catro grupos da Corporación fan constar o seu pesar polo pasamento de Xohana Torres e mostran a súa vontade de facerlle un último recoñecemento á traxectoria vital e profesional da autora. O texto salienta que a escritora foi "unha voz feminina e feminista que destacou no ámbito literario pero tamén na reconstrución da cultura galega e na defensa da nosa lingua".

Ademais, a declaración institucional lembra que o Concello de Santiago instituíu en 1993 un premio co nome de Xohana Torres que se concedeu de xeito ininterrompido ata 2010, e que se recuperou en 2016 para seguir honrando e lembrando a escritora ao tempo que se contribúe unha cidade máis igualitaria, feminista e inclusiva.

Rutas ciclistas protexidas
O Pleno da Corporación aprobou outra declaración institucional na que se insta á Xunta de Galicia e á Deputación Provincial da Coruña a dotar das medidas de seguridade necesarias nunha serie de viarios en Santiago, para facilitar a súa declaración como "Ruta cicilista protexida". Esta figura foi instaurada pola Dirección General de Tráfico, co obxectivo de definir itinerarios nos que a persoa ciclousuaria sexa obxecto dunha especial vixilancia para a súa protección.

A declaración institucional tamén recolle a solicitude á DGT para a inclusión desas vías no seu catálogo de "Rutas Ciclistas Protexidas" e, por último, sinala o compromiso do Concello de Santiago de dotar das medidas de seguridade necesarias á denominada "ruta Vía da Pataca", que comunica Lavacolla e Sigüeiro.

Estación intermodal
O Pleno da Corporación aprobou tamén, por unanimidade, a solicitude á Xunta da declaración da urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto da nova estación intermodal de Santiago. O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade explicou que este paso é "imprescindible para que o Concello poida acometer as expropiacións necesarias para a construción da nova infraestrutura".

Jorge Duarte lembrou que o Concello "xa lle ten remitidas as notificacións a todos os titulares catastrais das parcelas afectadas no mes de marzo, e tamén respondeu ás tres alegacións presentadas". Ademais, o Goberno "reservou no orzamento de 2017 o crédito necesario para pagar esas expropiacións". Segundo apuntou o edil, "o Consello da Xunta ten previsto aprobar en outubro o proxecto integrado da estación intermodal, ao mesmo tempo que a urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios para acometer as obras".

Festivos locais
No Pleno de hoxe tamén recibiu luz verde, por unanimidade, a determinación dos festivos locais para o ano 2018. Como é tradición, as xornadas elixidas foron a do xoves da Ascensión, o 10 de maio, e o día de San Roque, 16 de agosto.

Compartir: