TURISMO

Unha aplicación informática recupera a vella muralla de Santiago de Compostela

28/06/2013 O Consorcio e o Concello de Santiago promoven un proxecto para a recuperación da memoria histórica e da pegada física da muralla da cidade.

O Concello e o Consorcio de Santiago presentan o proxecto "Muralla de Santiago de Compostela", co obxectivo de recuperar a memoria histórica da antiga muralla de Santiago e a posta en valor da presenza física do seu trazado. Esta iniciativa, enmarcada nas políticas de recuperación e conservación do patrimonio histórico da cidade, quere devolver á cidadanía o espazo físico, a pegada, da muralla, que a día de hoxe todavía permanece no urbanismo do casco vello. Este proxecto ven poñer de relevo que a muralla de Santiago aínda existe a día de hoxe, se ben non de maneira física, sí de maneira espacial, establecendo una liña que delimita a contorna da améndoa da cidade histórica e na que se foron xerando espazos urbanos de alto valor patrimonial.

O proxecto vai poñer en valor os restos que aínda se conservan da vella cerca defensiva, así como as rúas e calexas que se conformaron a partir do seu derrubamento definitivo no século XIX. Neste sentido, creouse a marca "Muralla de Santiago de Compostela", cun logotipo propio, e unha aplicación informática dispoñible tanto para web como para dispositivos móbiles e tablets. Esta ferramenta permite navegar polo trazado da vella muralla e coñecer a súa historia. Nela pódense consultar fotografías actuais e antigas, planos históricos da cidade e galerías de imaxes que o propio usuario poderá ir completando. Tamén se inclúe unha colección de debuxos e pinturas das portas e rúas nos que se aprecia a pegada da muralla. En paralelo, vaise organizar unha exposición itinerante que comezará instalada na nova sede do Museo das Peregrinacións e de Santiago, na praza de Praterías. A exposición terá un marcado carácter didáctico e incluirá puzzles xigantes cos que poderán traballar os nenos.

Este proxecto é posible grazas á colaboración do Ministerio de Educación e Cultura, quen achegou ao Concello unha subvención de 47.000 euros. Pola súa parte, o Consorcio de Santiago axudou ao seu financiamento con 13.000 euros.

Compartir: