ALCALDÍA

A Comisión Executiva do Consorcio dá luz verde a dous novos proxectos de conservación de monumentos

28/06/2013 O alcalde e presidente do Consorcio de Santiago, Ángel Currás, presidiu a Comisión Executiva do ente interadministrativo.

Na reunión aprobouse a renovación da concesión á Universidade de Santiago dos terreos do futuro Xardín Botánico, que se ubicará na ribeira do río Sarela, na zona de San Lourenzo, cun espazo de algo máis de 41.000 m2. Esta renovación aprobouse por un plazo de 25 anos. Tamén se aprobou un convenio coa Asociación Peregrinos Musicais, polo cal a Escola de Altos Estudos Musicais será sede do curso de verán "Música a MI-LA-DO", no que, entre outros, participará o afamado violinista Ara Malikian.

Por outra banda, os membos da Comisión deron luz verde a dous novos proxectos de conservación, que se incorporarán ao Programa de Monumentos do Consorcio de Santiago. En concreto, restauraranse as pinturas murais da igrexa de Santa María de Figueiras, para a que se destinan 15.000 euros, e o relevo pétreo da fachada principal do Conventos das Mercedarias, unha importante peza barroca obra de Mateo de Prado que representa a Anunciación. Para esta última habilitarase un orzamento de 17.800 euros.

Por último, aprobouse unha partida de 53.000 euros para traballos de mantemento e conservación no propio edificio sede do Consorcio de Santiago, o Pazo de Vaamonde, para reparar carpinterías de madeira, a fachada e a cuberta.

Compartir: