URBANISMO

Este luns comezan as obras de remodelación da rúa de San Pedro

28/06/2013 A concelleira de Urbanismo, María Pardo, deu conta en rolda de prensa do estado das actuacións da súa Concellería e salientou o comezo da reurbanización de San Pedro, o luns 1 de xullo, o mesmo día que arrancan tamén as obras de reparación de beirarrúas no Ensanche.

No Ensanche compostelán actuarase nas rúas Frei Rosendo Salvado, Rapa da Folla, San Pedro de Mezonzo e Alfredo Brañas cun importe total de 123.420 euros. Coa baixa conseguida na adxudicación, de preto de 101.000 euros, poderase actuar tamén na praza de Vigo e en Santiago de Chile. Os traballos en todas estas rúas consistirán fundamentalmente na resolución do deterioro das beirarrúas.

A rúa de San Pedro conta para a remodelación do seu primeiro tramo cun orzamento de preto de 500.000 euros, que foi rebaixado nun 15% na adxudicación das obras. Está previsto que os traballos se prolonguen durante catro meses e medio polo que será necesario pechar a rúa ao tráfico rodado no tramo comprendido entre a Porta do Camiño e a confluencia coa travesa de San Pedro a partir da primeira hora do martes, 2de xullo, ata o remate dos traballos. Tamén se prohibe o estacionamento no mesmo tramo. Habilitarase unha zona de carga e descarga para o abastecemento da zona na rúa do Medio. Todos estes cambios estarán debidamente sinalizados.

María Pardo tamén anunciu que se veñen de adxudicar as obras de excavación arqueolóxica e restauración do castelo da Rocha Forte á empresa Eiriña SL por máis de 500.000 euros. No que respecta aos traballos incluídos no Plan de Obra e Servizo da Deputación provincial (POS 2012), xa están rematadas as obras de pavimentación de vías públicas en Garabal, Barral, Pereiras, Polveira e Barciela, as de reforzo do firme en Eixo de Arriba-Pereiras, M-14IV e Vilar de Outeiro, M-27AIV en Lavacolla e M-36V en Aríns. Seguen en execución as obras en Corexo (Marrozos) e en Frades (Enfesta).

Por último, a concellera deu conta do comezo da obra de acondicionamento da parcela para campo de festas das parroquias de Nemenzo e Marantes, financiadas con cargo aos fondos europeos AGADER e cun orzamento de 118.090,92 euros.

Compartir: