DEPORTES

O pavillón de Santa Isabel acolle este sábado a gala de patinaxe do Club Campus Stellae

28/06/2013 Máis de cen patinadores e patinadoras participarán este sábado na cuarta Gala Stellae, que organiza o Club de patinaxe artística Campus Stellae en colaboración co Concello de Santiago. O edil de Deportes, Adrián Varela, animou a todos os composteláns a gozar do espectáculo.

A partir das 20.30 h todos os que queiran achegarse ata Santa Isabel poderán contemplar a actuación que poñerán en marcha os 120 patinadores do club, que ensinarán todas as coreografías representadas durante a temporada, desde os máis pequenos ata as patinadoras veteranas. O obxectivo é ofrecer un espectáculo na cidade do club e que tanto as rapazas e rapaces como as súas familias o pasen en grande nun día de festa.

Malia a xuventude deste club, xa ven colleitando éxitos tanto a nivel individual como na modalidade de grupos show. Durante esta temporada 2012-2013 o Campus Stellae apostou fortemente pola disciplina de grupos show, presentando ás competicións catro grupos: dous de categoría xuvenil e dous de show pequeno, cun total de 32 patinadores e patinadoras. Os xuvenís proclamáronse campións e subcampións galegos, mentres que o club logrou o bronce na disciplina de grupos show pequenos da proba autonómica.

No mes de abril, o Campus Stellae representou a Galicia na Copa de España, conseguindo o bronce na modalidade de show pequeño. O equipo obtivo o mellor posto de Galicia no campionato de España de grupos show xuvenil.

O Campus Stellae participará en marzo de 2014 no Campionato de España de Grupos Show, que se celebrará en Santiago baixo a organización doutro club de patinaxe da cidade, o Club Deportivo Fontiñas.

Compartir: