DEPORTES

Preto de 70 deportistas e adestradores composteláns participan na X Edición dos Xogos do Eixo Atlántico

28/06/2013 O concelleiro de Deportes, Adrián Varela, presentou en rolda de prensa a equipación que lucirán os participantes nas competicións deportivas de fútbol, baloncesto, voleibol, natación e atletismo. Os xogos desenvolveranse do 30 de xuño ao 4 de xullo na cidade portuguesa de Guimaraes.

Está previsto que asistan aproximadamente unhas 23 cidades, entre portuguesas e galegas, o que supón unha participación aproximada de 1.400 deportistas que disputarán a súa hexemonía en 7 deportes diferentes. O compromiso do Concello con este evento, como salientou o concelleiro, é claro, xa que se destina case o 25% do orzamento da partida de actividades de deportes nun momento económico complicado.

Nesta décima edición dos Xogos, Santiago ten prevista a súa participación nas modalidades de baloncesto, fútbol – 7, natación, atletismo para discapacitados e voleibol. En total constitúen a expedición 66 participantes, entre adestradores e deportistas, aos que lle hai que sumar un delegado municipal, figura que asumirá a coordinación de todas as seleccións na cidade organizadora.

Os participantes e adestradores que representarán ao Concello de Santiago nestes X Xogos do Eixo Atlántico foron seleccionados polos clubs e delegacións federativas seguintes:

NATACIÓN: Club Natación Ciudad de Santiago
ATLETISMO DISCAPACITADOS: Asociación ASPAS
VOLEIBOL: Club Voleibol Santiago
FÚTBOL: Delegación local da Federación Galega de Fútbol
BALONCESTO: Delegación local da Federación Galega de Baloncesto

O obxectivo como cidade nesta nova edición céntrase en volver a demostrar o excelente nivel humano e de comportamento que teñen os rapaces e rapazas que asumirán a responsabilidade de defender o orgullo dos nosos concidadáns. No estritamente deportivo, procuraranse acadar os resultados de pasadas edicións, dado que o esforzo e a ilusión dos seleccionados son elementos que nos garanten un gran papel na competición. Adrián Varela desexoulles sorte e que acaden os mellores resultados posibles. Estaraos apoiando a partir do martes na cidade de Guimaraes.

Plan de viaxe e actos
1º DÍA. Domingo 30 de xuño
- Saída ás 9,00 horas desde o Estadio de San Lázaro con todos os nenos e nenas participantes nas modalidades colectivas (fútbol, baloncesto e voleibol)
- Chegada a Guimaraes arredor das 11,30 h. (10,30 hora portuguesa) para a recollida de documentación, comida e reparto nos aloxamentos.
- Pola tarde ás 16 horas (15 hora portuguesa) inicio dos xogos nas modalidades de fútbol, voleibol e baloncesto masculino (Santiago unicamente compite en fútbol).
- A partir das 19 horas (18 hora portuguesa) terá lugar a cerimonia de apertura na Praza de S. Tiago próxima á Cámara Municipal de Guimaraes

2º DÍA. Luns 1 de xullo
- Comenza Santiago a competición no resto de disciplinas colectivas (voleibol e baloncesto).

3º DÍA. Martes 2 de xullo
- Saída ás 10,00 horas desde o Estadio de San Lázaro con todos os participantes nas modalidades individuais (natación e atletismo discapacitados)
- Chegada a Guimaraes arredor das 12,30 h. (11,30 hora portuguesa) para a recollida de documentación, reparto nos aloxamentos e comida.
- Continúa a competición nas modalidades dos deportes colectivos, é dicir, baloncesto, fútbol 7 e voleibol.

4º DÍA. Mércores 3 de xullo
- Continúa a competición coa segunda fase de carácter clasificatorio nos deportes colectivos.
- Iníciase a competición nas modalidades de natación e atletismo.

5º DÍA. Xoves 4 de xullo
- Remate dos xogos coa disputa das finais e resto de partidos para a clasificación final nas modalidades de fútbol 7, voleibol, baloncesto masculino e feminino.
- Saída de Guimaraes ás 16,00 h (15,00 hora portuguesa), despois de xantar, para chegar a Santiago (Estadio de San Lázaro) arredor das 18,30 horas.

Compartir: