EDUCACIÓN

Os pequenos das escolas infantís municipais obtiveron o seu carné de boas prácticas de educación viaria

28/06/2013 Coincidindo coa clausura do curso escolar, a Concellería de Educación quixo facer partícipes ao alumnado das escolas infantís municipais e ás súas familias dunha xornada práctica de educación viaria na Escola Infantil Municipal de Meixonfrío-Salgueiriños. A concelleira de Educación, María Castelao, participou na actividade.

Nesta xornada participaron arredor de 100 nenos e nenas de 2-3 anos das tres escolas infantís municipais: Conxo, As Fontiñas e Meixonfrío-Salgueiriños. Todos eles viviron unha xornada práctica de educación viaria con cinco actividades diferentes polas que foron pasando para obter o carné de boas prácticas de educación viaria.

Instaláronse dous circuítos, un para motos e outro para coches, polos que foron pasando os diferentes nenos e nenas. Os circuítos foron confeccionados polas profesoras do centro e constaban de semáforos, sinais de tráfico, paso de peóns e rotondas. Ademais, efectivos da Policía Local e de Bombeiros participaron nas actividades ensinando aos rapaces vehículos e instrumental que utilizan no seu labor diario.

Fomento de actitudes viarias
Dende a Concellería de Educación lémbrase que a actual lei de educación contempla a posibilidade de incluír a educación viaria no currículo da educación infantil. Dende esta perspectiva, o Departamento intenta que o alumnado adquira actitudes, valores e normas de comportamento viario.

É importante recordar que, a estas idades, os nenos e nenas fan uso das vías públicas como peóns, viaxeiros, pero sempre acompañados dos adultos. Por este motivo, a escola e as familias deben ter como obxectivo prioritario o fomento de actitudes viarias que vaian xerando conciencia cidadá e comportamentos encamiñados á creación do sentido viario, a convivencia e as pautas axeitadas para unha mobilidade segura.

Por outra parte, a Concellería de Educación recorda que nenos e nenas destas idades tan temperás non teñen ben desenvolvida a capacidade de razoamento nin a percepción sensitiva, tampouco a psicomotricidade e menos a capacidade para tomar decisións fronte a dificultades que se lle poden presentar nunha vía pública. Por esta razón deben estar sempre acompañados dun adulto, que coide dos pequenos e os guíe con seguridade, dándolles á vez pautas e exemplos para ir adquirindo eses coñecementos básicos (sinais e comportamentos), ao mesmo tempo que lles explique o que está mal e as vantaxes de cando fan algo correctamente.

Neste sentido, a escola e as familias convértense nos primeiros educadores do neno na súa aprendizaxe viaria e no modelo que van a seguir no seu comportamento futuro. Por este motivo é moi importante o labor que se fai nas escolas infantís municipais, e tamén igual de importante o labor das familias.

Compartir: