DEPORTES

Santiago acolle esta fin de semana un torneo internacional de hóckey a patíns

31/05/2013 O evento, organizado polo Hócky Club Raxoi e a Federación Galega de Patinaxe coa colaboración da Concellería de Deportes do Concello, celebrarase o sábado e o domingo no pavillón de Vite

Durante esta fin de semana, os días 1 e 2 de xuño, no pavillón de Vite de Santiago de Compostela, celebrarase o Torneo Internacional Luso-Galaico de hóckey a patíns no que se poderá gozar do mellor hóckey actual da categoría sub-16 e que enfrontará á selección galega, actual campioa de España de seleccións autonómicas, e ás potentes seleccións de Aveiro, Porto e Minho do noso pais veciño.

O torneo está organizado polo Hóckey Club Raxoi e a Federación Galega de Patinaxe coa colaboración do Concello de Santiago de Compostela. O propósito deste torneo é a preparación da selección galega ante o inminente campionato de España que se disputará do 21 ao 23 de xuño en Asturias e no que o seleccionador Carlos Sánchez se marcou como obxectivo revalidar o titulo obtido o ano pasado. Para iso conta nas súas filas con dous composteláns: Alex Ferreiro Soriano e o seu irmán César, que xa foron campións de España coa selección no 2012.

Compartir: