EIXO ATLÁNTICO

Eixo Atlántico e Vicepresidencia da Igualdade asinan un convenio para desenvolver actividades entre a mocidade galega e do norte de Portugal

27/04/2006 O alcalde compostelán e presidente do Eixo Atlántico, Xosé A. Sánchez Bugallo, e o vicepresidente da Igualdade e do Benestar, Anxo Quintana, asinaron o pasado 26 de abril, un convenio de colaboración para promover actividades dirixidas á xuventude da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

Durante a sinatura do convenio, o presidente do Eixo, Xosé A. Sánchez Bugallo, resaltou o papel da mocidade, protagonista na construción da realidade cultural, económica e sobre todo social entre Galiza e o norte portugués.

En concreto, para este ano, o acordo contempla a creación dun Forum de Xuventude do Eixo Atlántico e dun programa de apoio á creación de redes informais de mozos e mozas, que busca fomentar o asociacionismo.

Ademais, no documento contémplase a realización de estudos e loxística preliminar para a execución de programas de campos de traballo transfronteirizos, así coma a redacción e publicación dun Manual de boas prácticas de Xuventude no Eixo Atlántico.

A Vicepresidencia da Igualdade apoiará con 20.000 euros o desenvolvemento destas actividades.

Compartir: