CULTURA

O ciclo Infantil & Familiar presenta "O Kikirixote" e "Xan Perillán e a maleta máxica" cos monicreques de Kukas

30/04/2013 O director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou presentou no Teatro Principal dúas novas entregas do ciclo Infantil & Familiar: O Kikirixote. Aventuras e desventuras dun galo de curral e Xan Perillán e a maleta máxica, ambas as dúas coa compañía Monicreques de Kukas. Na rolda estiveron Marcelino de Santiago (Kukas) e Isabel Rei, fundadores en Santiago da compañía de teatro de marionetas máis antiga de Galicia e unha das máis estables do panorama teatral galego, a piques de cumprir 35 anos.

O Kikirixote. Aventuras e desventuras dun galo de curral representarase o domingo 5 de maio, ás 19:00 horas, no Teatro Principal. Dirixida a nenos de máis de 6 anos, este espectáculo nace da mestura de tódolos anti- heroes e como a todos eles lles pode máis o seu idealismo que a realidade, na cal reflicten as súas pantasmas. Trátase de todos eses personaxes que, sen querer, son contrapunto ou, mellor dito, son o punto de partida para que desenvolva o Kikirixote toda a súa potencia humana con ou sen razón, pero con paixón.

Partindo de Don Quixote como elemento transgresor e inconformista co tempo que lle tocou vivir, xorde O Kikirixote, que non quere ser menos e, sen ser un mesiánico prometeico, como diría León Felipe, non deixa de ser un chisco unha caricatura grotesca do seu referente clásico.

Dentro da súa tenrura o Kikirixote é legal, non quere defraudar a ninguén, máis que nada quere abranguer un cacho do corazón de todos nós a sabendas de que non deixa de ser un bufón, un fantoche grotesco que xa so coa súa facha fainos ceibar unha gargallada inconsecuente, sen atrancos que non nos deixen sorrir coa sinxeleza dun rillote. Quixote, Ubu, Don Perlimplin, Melisendra ou Anxélica son quen de arroupar a alma simple pero nobre como non hai outra de Kikirixote, un galo de curral.

Xan Perillán e a maleta máxica é un espectáculo dirixido ao público familiar e infantil, a partires de 3/4 anos, que mestura o clown e a pantomima coa maxia e a manipulación de títeres. Interpretado por Marcelino de Santiago (Kukas), está dirixido por Isabel Rei. Representarase os días 10, 11 e 12 de maio, con dúas funcións cada día, ás 17:30 e ás 19:30 horas.

Xan Perillán é un home con sorte, tocoulle nunha rifa unha viaxe a Pernambuco... ¿Pero onde queda Pernambuco?, no hemisferio Norte ou no Sur? Cun pouco de maxia e a axuda dos rapaces seguro que o averiguará.

Xunta todas as súas cousas e vai meténdoas nunha maleta que non é unha maleta calquera. É unha maleta máxica, xa que todo o que aquí se mete, convertese nun truco de maxia.

As entradas para estes dous espectáculos están á venda a 5 euros, cunha entrada familiar para cada función de 4 x 3 (4 entradas por 15 euros), na billeteira do Teatro Principal. As entradas para Xan Perillán tamén se poden mercar na billeteira da Zona C os días de evento.

Están previstas igualmente funcións escolares, con reserva previa (981 562 734 ou monicreques@hotmail.com), de O Kikirixote, para escolares de 2º a 6º de Educación Primaria e de 1º e 2º da ESO; e de Xan Perillán, para escolares de Educación Infantil e de 1º a 4º de Educación Primaria.

Compartir: