BENESTAR SOCIAL

O Fondo Galego de Cooperación celebrou en Santiago a súa Asemblea Xeral

29/04/2013 A concelleira de Benestar Social, María Castelao, asistiu na sede da FEGAMP á Asemblea Xeral do Fondo Galego de Cooperación. O Concello de Santiago é socio desta organización, á que está adherida dende o ano 1999.

A sesión arrincou cunhas palabras da presidenta, Teresa París, quen deu lectura ao informe de situación presentado pola Comisión Executiva, que leva por título Somos os que estamos: o municipalismo galego e a solidariedade e no que se reafirma o compromiso coa cooperación internacional impulsada desde o local. A tesoureira do Fondo, Pilar Gallego, presentou a continuación o balance económico de 2012, que resultou aprobado por unanimidade. Tamén se comentou que o convenio de sensibilización que se viña asinando coa Xunta de Galicia será substituído no presente exercicio por unha achega económica inferior.

Tras a ratificación das altas e baixas de socios, o secretario do Fondo Galego, Daniel González Palau, foi o encargado de expoñer o programa de actuación para o ano en curso, despois de que o Plan 2012, ano do 15º aniversario do Fondo Galego, se pechara cun récord de 113 actividades organizadas en 71 entidades socias.

Entre as novidades previstas no Plan 2013 de fortalecemento, sensibilización e comunicación destacan a exposición Imaxes con Fondo, xurdida do concurso de fotografía do mesmo nome, e as presentacións do documental sobre a entidade realizado pola Asociación Galega de Reporteiros Solidarios. Tamén haberá obradoiros de radio e Dereitos Humanos con Agareso e de consumo responsable con Amarante. O programa de voluntariado internacional dirixido a persoal técnico das Administracións socias, Vacacións con Traballo, convocará nesta ocasión dúas prazas, en Nicaragua e Cabo Verde. Ao arquipélago africano viaxará asemade o gañador do concurso Imaxes con Fondo para visibilizar os proxectos realizados nunha nova exposición fotográfica. A mostra estrearase o 10 de decembro, Día dos Dereitos Humanos, nas VIII Xornadas Anuais de Cooperación, que coincidirán coa Visita ao Norte dunha delegación caboverdiana. O espectáculo da Tropa de Trapo Antía, Wamba e o regato pequeno é outra das actividades que se seguirán ofertando, canda os Ciclos de Cine con Fondo e as exposicións Influír no global desde o local, Os Obxectivos do Milenio e A paz, cuestión de Fondo.

Na asemblea actualizouse asemade o estado dos catro proxectos no Sur que neste intre se executan canda outras tantas ONGD galegas, despois de que a finais de ano rematara a iniciativa de cooperación directa co Instituto de Promoción Humana en Nicaragua e despois tamén de que se pechara o proxecto en Haití.

Con Taller de Solidaridad estase a apoiar agora á poboación nicaraguana para mellorar as condicións de habitabilidade, mentres que con Amigos da Terra promóvese a xestión de dúas áreas protexidas no país centroamericano. Con Implicadas no Desenvolvemento impúlsase a emancipación social e a participación política das mulleres na India, e con Enxeñería sen Fronteiras avánzase na planificación do acceso á auga en Honduras. Antes de que remate o exercicio está previsto lanzar unha nova convocatoria de proxectos dirixida aos axentes de cooperación galegos e emprender algunha outra iniciativa de cooperación directa.

O Fondo Galego
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 89 Concellos e as Deputacións da Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido 142 proxectos en 25 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.

Compartir: